O PP esixe ao Goberno central compromisos por escrito sobre as conexións ferroviarias de Lugo

LugoXa
Os senadores populares reclaman prazos e explicacións tras a perda de servizos de tren coa capital española
Senadores-PP-Lugo-tren
23 Jun 2025

Os representantes do Partido Popular de Lugo no Senado reclaman ao Goberno de Pedro Sánchez que concrete por escrito os compromisos adquiridos coa provincia en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios.

A petición chega despois da recente reunión entre o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente de Renfe, Álvaro Fernández, que non se traduciu, segundo denuncian os populares, en melloras reais para a cidade.

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron formalmente iniciativas para coñecer se o Executivo central se comprometeu a incrementar os servizos ferroviarios e a mellorar os horarios dos trens que comunican Lugo coa capital do Estado. Os populares denuncian que, desde o pasado 9 de xuño, Lugo perdeu unha conexión con Madrid e que o primeiro tren non chega á capital española ata pasada a mediodía.

“Mentres cidades como Vigo ou A Coruña dispoñen de trens de madrugada para chegar cedo a Madrid, Lugo volve quedar á marxe das melloras, o que supón unha nova discriminación”, lamentan os senadores, que lembran que Lugo segue sendo a única capital de provincia galega sen conexión coa alta velocidade.

Ante os anuncios de estudos sen prazos nin investimentos concretos, o PP esixe que se fixen datas para a aplicación de melloras nos horarios e que o Goberno explique por que Lugo non foi incluída nas melloras implementadas noutras cidades galegas desde o 9 de xuño.

Ademais, lembran que o Executivo socialista rexeitou construír as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, o que supón, segundo denuncian, condenar á provincia de Lugo a quedar definitivamente fóra do mapa do AVE. Tamén apuntan que “o contrato para a electrificación da liña entre Monforte e Lugo está a ser investigado pola UCO como posible caso de corrupción no seo do PSOE e vinculado ao entorno do presidente do Goberno”.

Diante deste panorama, os senadores populares lucenses conclúen que “Pedro Sánchez ten que disolver as Cortes e convocar eleccións xerais”.

⚙ Configurar cookies
0.16690587997437