O PP esixe ao Goberno de Sánchez que impulse a Gran Senda do Navia

A proposta contempla a creación dunha senda peonil e cicloturista de 428 km ao longo do río Navia, dende o seu nacemento ata a súa desembocadura, atravesando sete municipios
PP-en-Navia-de-Suarna
18 Feb 2025

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron no Senado unha iniciativa para coñecer os plans do Goberno de Pedro Sánchez sobre a execución e incorporación da Gran Senda do Navia no programa nacional de Camiños Naturais.

Os representantes populares na Cámara Alta deron a coñecer esta iniciativa nun encontro en Navia de Suarna, xunto cos senadores do PP por Asturias, Pablo González e José Manuel Rodríguez 'Lito', así como alcaldes, portavoces e concelleiros dos municipios lucenses bañados polo río Navia. Tamén participaron a deputada autonómica Encarna Amigo e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide.

O senador José Manuel Barreiro destacou a importancia do proxecto, cualificándoo como "un elemento vertebrador da zona e dinamizador dende o punto de vista cultural, socioeconómico e turístico". Así mesmo, esixiu ao Goberno que se posicione e explique por que non tomou ningunha medida ata o momento.

Pola súa banda, Pablo González defendeu que "iniciativas que nacen da xente, do pobo, con características positivas, merecen a pena ser apoiadas", subliñando que a Gran Senda do Navia podería ser clave para fixar poboación e xerar emprego na rexión. Encarna Amigo tamén puxo en valor o potencial do proxecto como alternativa contra o despoboamento, destacando que "o turismo permite que moitas familias se asenten no rural".

A Gran Senda do Navia é unha iniciativa presentada en 2018 por colectivos sociais e grupos de sendeirismo de Lugo e do occidente asturiano ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A proposta contempla a creación dunha senda peonil e cicloturista de 428 km ao longo do río Navia, dende o seu nacemento ata a súa desembocadura, atravesando sete municipios lucenses (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) e nove asturianos (Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, Illano, Navia, Pesoz e Villayón).

A pesar de contar co respaldo da Deputación de Lugo e do Goberno do Principado de Asturias, o Executivo central non avanzou na súa execución nos últimos sete anos. "Dende entón pasaron sete anos e o Goberno de Sánchez non fixo nada", lamentan os populares, que insisten na necesidade de retomar o proxecto.

Un impulso clave para o desenvolvemento rural

O Partido Popular lembra que a Gran Senda do Navia contribuiría ao desenvolvemento económico e social da comarca da Montaña e do Val do Navia, poñendo en valor o seu patrimonio natural, cultural e etnográfico. Ademais, a ruta conectaría tres dos camiños oficiais do Camiño de Santiago: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte.

Polo seu carácter intercomunitario e o seu potencial para revitalizar unha zona afectada polo despoboamento, a Gran Senda do Navia podería optar á máxima puntuación no programa Camiños Naturais. Porén, para iso é necesario que o proxecto reciba a declaración de obra de interese xeral, algo que o Goberno de España non concretou.

O Congreso dos Deputados xa aprobou en abril de 2022 unha Proposición Non de Lei do Partido Popular reclamando esta declaración e a súa inclusión no programa estatal, pero ata a data non se produciu ningún avance. Por iso, os senadores populares insisten en que volverán esixir ao Goberno que respalde esta iniciativa e contribúa á súa execución, co obxectivo de converter a Gran Senda do Navia nun referente turístico e económico para Galicia e Asturias.

0.18003010749817