O PP esixe explicacións ao goberno local polo risco sanitario nas Caldas do Miño

O Partido Popular de Lugo solicitou explicacións ao goberno local polos motivos que levaron a poñer en risco a saúde dos usuarios das Caldas do Miño, logo de que as instalacións permanecesen abertas durante 19 meses sen alta da auga quente nin un plan completo de prevención.
O vicevoceiro do PP, Ramón Cabarcos, criticou con contundencia a situación, asegurando que “sabiamos que as Caldas foron un investimento inútil, pero o grave é que tamén se convertiron nunha infraestrutura insegura”. A falla de previsión e control quedou en evidencia despois de que se detectase un brote de lexionella no pasado mes de setembro, cando as Caldas non estaban rexistradas ante a autoridade sanitaria competente.
O PP denunciou que o goberno local tentou agochar a súa neglixencia escudándose en trámites formais, negándose a facilitar o acceso ao expediente completo das Caldas. Ante esta negativa, a voceira do grupo tivo que recorrer ao artigo 9.2 do Regulamento do Parlamento para obter a documentación oficial sobre a infraestrutura.
Desde o Grupo Popular consideran que as Caldas do Miño son un exemplo paradigmático da mala xestión municipal, caracterizada pola improvisación, a falta de transparencia e o descontrol no gasto. Ademais de converterse nun pozo sen fondo de recursos municipais, a deficiente xestión desta infraestrutura representou un risco para a seguridade sanitaria dos cidadáns.
A portavoz do PP instou a alcaldesa ou a quen delegue a comparecer no pleno municipal para explicar por que se abriu a instalación en condicións irregulares, por que se tardou tanto en tomar medidas e cal é o futuro desta infraestrutura que, na súa opinión, representa un lastre económico para as arcas municipais.
Finalmente, o Grupo Popular agarda que o goberno local non volva escudarse en desculpas para evitar dar explicacións. "Lugo merece un goberno que rinda contas e que actúe con responsabilidade e transparencia, non un executivo que oculta problemas e pon en risco a xestión dos recursos públicos e a seguridade cidadá", concluíron desde o PP.