O PP esixe explicacións por un brote de lexionela no Parque de Bombeiros de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Lugo esixe ao Goberno local que dea explicacións claras e inmediatas tras detectarse un novo brote de lexionela nos vestiarios do Parque de Bombeiros de Lugo.
"Esta situación impide ao persoal utilizar as duchas con normalidade dende mediados de abril. A día de hoxe, só dispoñen de auga fría nas instalacións e tiveron que ser habilitadas dúas duchas no CEI Nodus como medida provisional", destacan.
Así, afirman que "non é un caso illado, senón que se suma a unha preocupante cadea de incidencias relacionadas coa xestión da auga en instalacións municipais".
Lembran que, en setembro de 2024, as Caldas do Miño tiveron que pechar tras detectarse lexionela nos vestiarios, sendo esta a segunda vez en menos de dous anos. Xa en maio de 2023, se localizara outra bacteria potencialmente infecciosa nos vasos das mesmas instalacións. A esta lista hai que engadir a recente sanción imposta ao Concello pola deficiente cloración da auga da traída.
Por todo isto, o Grupo Popular agarda que no pleno, PSOE e BNG voten a favor da comparecencia solicitada para aclarar esta nova alerta sanitaria.