O PP esixe explicacións sobre os catro anos de obras no viaducto do Castro

LugoXa
“A principal infraestrutura viaria de conexión de Galicia coa Meseta vese condicionada pola falta de xestión do Goberno de Sánchez”, din
senadores-del-pp-viaducto-o-castro
30 May 2025

Os representantes do PP por Lugo na Cámara Alta –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- solicitan formalmente a documentación sobre a licitación de todas as actuacións no viaduto do Castro, na A-6, entre Pedrafita do Cebreiro (Lugo) e Vega de Valcárcel (León). “Despois de catro anos en obras, o viaduto do Castro parece o viaduto das chapuzas do Goberno de Sánchez”, segundo denuncian.

Os senadores lucenses do Partido Popular lembraron dende Pedrafita e acompañados por alcaldes e portavoces da zona que “o Goberno de Sánchez aínda non deu explicacións sobre o colapso dun dos viadutos despois dun estudo sobre a súa situación, investir máis de 26M€ e pouco antes de reabrir ao tráfico”. Polo tanto, esixen información: “solicitamos os pregos que serviron de base para a adxudicación do estudo previo ao colapso, para a adxudicación das obras de reconstrución e tamén para as obras actualmente en curso”.

Os populares esixen explicacións ao Goberno de Sánchez polas restricións ao tráfico para acometer novas obras de envergadura tan só catro meses despois de abrir tras dous anos e medio pechado para a súa reconstrución. “A principal infraestrutura viaria de conexión de Galicia coa Meseta vese condicionada pola falta de xestión do Goberno de Sánchez”.

“É un exemplo máis do castigo aos lucenses por parte do ministro Puente que, paradoxicamente, foi premiado en Lugo” e do “abandono ao que o Goberno de Sánchez somete aos lucenses coa complicidade dos socialistas e do BNG, que continúa a apoiar a Sánchez a pesar de tódolos escándalos que rodean ao seu Goberno”, subliñan.

Os populares advirten tamén da “contradición” do Executivo en relación ás obras actuais sobre o viaduto do Castro. En resposta oficial a preguntas dos senadores o Goberno de España aseguraba que “a reapertura ao tráfico se realizou cumprindo escrupulosamente todas as esixencias normativas, incluíndo as correspondentes probas de carga”. Pero, posteriormente, o Ministerio anunciaba novos traballos que someten á autovía a novas restricións xustificando a intervención na imposibilidade de acometer a impermeabilización do taboleiro, o fresado do pavimento actual e estendido de novas capas de aglomerado durante o inverno. É dicir, “recoñeceren que xa sabían que someterían a autovía a novos peches ao tráfico”.

Os populares lamentan “todos os atrasos” porque “prexudican aos usuarios da autovía do Noroeste”. Así, lembran que despois dun primeiro peche, colapsou un dos viadutos. Posteriormente derrubouse o outro e o Ministerio negouse a reconstruílos de forma simultánea, que é a fórmula habitual, o que supuxo unha dilatación temporal das obras e da súa posterior posta en servizo.

Incluso o desvío provisional habilitado polo Ministerio “obrigaba a cruzar o núcleo urbano de Pedrafita xerando atascos e non podendo ser empregado polos vehículos pesados en condicións de seguridade”.

Os senadores do PP lucense tiñan preguntado por escrito ao Goberno de Sánchez se tiña previsto algunha compensación aos usuarios da A-6, especialmente aos condutores profesionais e transportistas, sen obter ningún tipo de resposta.

⚙ Configurar cookies
0.16053080558777