O PP esixe garantías para a apertura do centro de día e residencia de Becerreá

Os deputados do Grupo Provincial Popular anunciaron que no vindeiro pleno presentarán unha iniciativa para que o Goberno de PSOE e BNG revise o proceso de posta en marcha do Centro de Día e Residencial Comarcal de Becerreá durante o primeiro semestre do ano, garantindo que os usuarios dispoñan das mesmas condicións de servizos e tarifas que no resto da rede provincial.
Antonio Ameijide e Jesús Núñez trasladárono ao voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, e a representantes da Plataforma Pro Residencia Becerreá, asegurando que continuarán defendendo a apertura do centro baixo as mesmas condicións que o resto das residencias da Deputación.
Segundo Ameijide, a iniciativa xorde tras coñecer que o pasado 16 de decembro a Deputación de Lugo publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público unha consulta preliminar de mercado para preparar o expediente de contratación da concesión de servizos do centro sen fixar unha data concreta de licitación nin apertura efectiva. “Todo apunta a que PSOE e BNG pretenden adiar a apertura e privatizar por completo os servizos, de xeito que sexan os usuarios os que soporten os custos iniciais e totais do servizo”, lamentou. “Queremos que a presidenta Carmela López se pronuncie sobre se quere este centro aberto nas mesmas condicións que o resto da rede ou se manterá a postura de José Tomé, recoñecendo que el segue a ser o presidente en sombra”.
O informe dunha consultora externa destaca que a comarca dos Ancares presenta un índice de envellecemento por riba da media galega e unha pensión media de 1.014,99€ ao mes, o que fai inviable asumir os custos previstos de 2.200€/mes para usuarios dependentes e 1.750€/mes para autónomos.
O Centro de Atención a Maiores comarcal de Becerreá acumula case unha década de retrasos desde o acordo inicial do 27 de xuño de 2016. O 19 de decembro dese mesmo ano firmouse un convenio para demolición do antigo fogar escola e construción do centro, por valor de 5.415.326,89€. O edificio leva catro anos rematado, pero segue sen mobiliario nin servizos, privando á comarca de 96 prazas de residencia, 40 de centro de día e medio cento de empregos.
Ameijide subliña que PSOE e BNG comprometeron en varias ocasións a apertura do centro, mesmo en febreiro de 2025 coa ‘Proposta da actividade económica e do réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá’, que incluía a privatización dos servizos e un aumento do prezo das prazas para persoas dependentes en preto dun 60% respecto ao resto das CAM da rede provincial. “O Grupo Popular seguirá defendendo a apertura nas mesmas condicións que o resto de centros provinciais e acompañando aos veciños de Becerreá e comarca, cuxas reivindicacións son totalmente xustas”, concluíu.