O PP esixe o arranxo das fochancas da LU-P-2922 ao seu paso por Lugo

LugoXa
“O único elemento que pode dar algo de seguridade neste punto é a maleza”, sinalou
LU-P-2922-Lugo
26 Maio 2024

O PP esixe o arranxo das fochancas da LU-P-2922 ao seu paso por Lugo, que poñen en risco a seguridade viaria despois de que Antonio Ameijide e a concelleira popular, Flor Rubinos, xunto a veciños da zona comprobaran o estado desta estrada provincial ao seu paso polo Concello de Lugo.

"O mantemento das estradas provinciais segue a ser unha das tarefas pendentes para o goberno de José Tomé que debe tomarse en serio esta materia para garantir a seguridade viaria en 66 municipios da provincia", sosteñen.

“Dicimos 66 porque o restante, Monforte, no que é alcalde, as estradas da Deputación están en perfecto estado de revista”, sinalou Antonio Ameijide.

O voceiro popular comprobou, xunto a concelleira popular Flor Rubinos e veciños da zona, a estrada LU-P-2922 que presenta numerosas fochancas que poñen en risco a seguridade viaria.

Unha estrada provincial sobre a que o Grupo Provincial Popular pediu hai varias semanas unha actuación á altura da Ponte de Vilar, na parroquia de Santa María de Bóveda, infraestrutura na que non hai ningún tipo de sinalización nin elemento de seguridade para evitar a caída dos vehículos, en caso de accidente, ás vías do tren.

“O único elemento que pode dar algo de seguridade neste punto é a maleza”, sinalou. Os deputados populares seguen a reclamar “unha preocupación real” pola seguridade nas estradas provinciais a José Tomé porque “a responsabilidade final en caso de que algún día haxa que lamentar un accidente grave será do presidente da Deputación por tantos anos de abandono ao mantemento e a seguridade nas vías provinciais”.

0.17874002456665