O PP esixe o arranxo inmediato da estrada LU-P-1201, en Castroverde, porque “se derrete”

“A desatención de PSOE e BNG á rede de estradas provincial é alarmante”. Así se amosan os deputados do Grupo Provincial Popular despois de comprobar como unha parte da estrada provincial LU-P-1201, en Castroverde, “está a derreterse”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, esixe unha actuación inmediata para reparar a estrada e recorda como “o ano pasado xa denunciamos exactamente a mesma situación na mesma vía, poucos días despois de que se realizasen traballos de renovación do firme”.
Antonio Ameijide sinala que “coa chegada dos primeiros días de calor á provincia” pode comprobarse como “as présas e as chapuzas de PSOE e BNG aumentan a inseguridade nas estradas da Deputación”, provocando neste caso unha situación que “seguramente provocará que coa calor que está a comezar o asfalto restante desaparecerá na vindeiras semanas”.
A realidade desta estrada é que “por mor da calor o asfalto comezou a derreterse e desaparecer, polo que se crearon numerosas fochancas xa que o asfalto non se agarrou ben. De feito, coa calor basta con camiñar por esta estrada para ver como o asfalto se queda pegado ás rodas dos coches e ás solas dos zapatos, polo que cómpre realizar unha actuación de mantemento e mellora para garantir o correcto esta da vía e a seguridade”, sinalou.