O PP esixe o arranxo inmediato da LU-P-1201 e da LU-P-1203, en Castroverde

LugoXa
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “as presas” de PSOE e BNG por asfaltar “levounos a planificar mal estes traballos"
Estrada-LU-P-1201-Castroverde
3 Xul 2024

“Unha nova chapuza”. Así definen dende o Grupo Provincial Popular o arranxo da estrada provincial LU-P-1201 que se realizou hai poucos meses xa que “esta mesma semana comprobamos como se comezou a levantar o asfalto novo polas presas e a chapuza dos traballos”. Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Francisco Balado, xunto ao voceiro popular, Pablo Figueiras, e varios concelleiros populares no municipio comprobaron como o asfalto xa se levantou en moitos puntos.

“Seguramente coa calor que está a comezar o asfalto restante desaparecerá na vindeiras semanas”. O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “as presas” de PSOE e BNG por asfaltar “levounos a planificar mal estes traballos o que desemboca nun aumento do gasto xa que é urxente arranxar de novo esta estrada provincial”. “Vemos como hai numerosas fochancas derivadas de que desapareceu o asfalto porque non se agarrou ben. De feito, coa calor destes días basta con camiñar por esta estrada para ver como o asfalto se queda pegado ás solas dos zapatos”, sinalou.

Os deputados do Grupo Popular tamén lle piden ao Goberno provincial reparar a estrada LU-P-1203, unha estrada moi transitada xa que percorre varios núcleos de poboación, ademais de dar acceso a varias explotacións agrogandeiras. “Hai numerosos baches, varios deles de bastante profundidade, antes e despois de curvas e en zonas sombrías, o que aumenta o perigo xa que en moitos casos non se ven senón se coñece ben a estrada”, sinalou Ameijide. O portavoz popular ve fundamental “actuar canto antes para evitar que a situación empeore e que poida supoñer un perigo aínda maior para os condutores”; pero non sen antes “revisar todas as cunetas xa que hai moitos puntos nos que desapareceron e, nos que aínda son visibles, están cheas de terra e maleza”.

0.23995995521545