O Partido Popular reclamou á Deputación de Lugo a reparación inmediata da estrada LU-P-2906 ao seu paso pola parroquia de Cuíña, no concello de Lugo. Esta vía, de titularidade provincial e duns seis quilómetros de lonxitude, conecta Arieiras, Cuíña e Vilalvite, prestando servizo tamén a explotacións agrogandeiras, negocios e empresas, o que lle confire unha alta densidade de tráfico.
Segundo denunciou o PP, o seu estado actual “supón un risco grave para a seguridade viaria” pola presenza de numerosas fochancas de gran tamaño, blandóns, cunetas deterioradas e unha evidente falta de sinalización tanto vertical como horizontal.
O voceiro do grupo provincial popular, Antonio Ameijide, acompañado pola concelleira do PP en Lugo Flor Rubinos, desprazouse á zona para comprobar o estado do firme. “É incomprensible como o Goberno provincial permite que unha estrada cun tránsito tan elevado chegue a estar nesta situación”, criticou Ameijide, quen insistiu na urxencia de renovar o firme, arranxar as cunetas, pintar a sinalización horizontal e repoñer a sinalización vertical, moi deteriorada ou directamente ausente en moitos puntos.
O PP defenderá na Deputación a necesidade de acometer esta intervención “por seguridade viaria”, ao tempo que volveu sinalar o deterioro das estradas provinciais como “o gran problema pendente” do bipartito PSOE-BNG, que segundo os populares mantén en mal estado as vías de 66 dos 67 concellos da provincia. “Só no concello gobernado por José Tomé están todas as estradas en perfecto estado”, lamentou Ameijide, denunciando un trato desigual en función da cor política.
Neste sentido, o voceiro popular lembrou que foi un goberno do PP quen impulsou a rede provincial de estradas —a máis extensa de España— “con moitos menos recursos dos que agora manexan Tomé e os seus socios para mantela”. Por iso, acusou ao actual executivo provincial de “desidia e falta de investimento”, e advertiu de que esta situación pon en risco aos milleiros de condutores que empregan a diario estas vías.