O PP esixe o desbloqueo do polígono industrial da Fonsagrada
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, acompañado do voceiro do PP na Fonsagrada, visitou a zona que debería de albergar o polígono industrial deste municipio, pero que na realidade “non se semella en nada ao que debería ser”.
Antonio Ameijide recorda que no ano 2009, o expresidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, agora líder dos socialistas galegos, anunciou o investimento de 2.5M€, dende a extinta Suplusa, para a creación do polígono industrial da Fonsagrada, proxecto que comezou en outubro de 2008 cos primeiros trámites por parte da Deputación de Lugo.
“A día de hoxe non hai nada, so silvas e maleza” o que pon de manifesto “a nula política de incentivo industrial que practican dende a Deputación de Lugo os últimos tres presidentes socialistas”. “PSOE e BNG son os grandes aliados do despoboamento da provincia”, afirmou.
O polígono da Fonsagrada tramitábase a través da extinta Suplusa polo que, como co resto de dereitos e deberes asumidos, é a Deputación de Lugo a que debería de continuar co proxecto. “Un exemplo máis de que o único que lle interesa a PSOE e BNG é facerse fotos en lugar de traballar polos veciños da provincia”, afirmou.
Para tentar tapar tantos anos sen facer nada polo avance desta zona industrial, o 10 de marzo de 2023, en xunta de goberno provincial, aprobouse o convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada coa finalidade común de colaborar na urbanización do polígono industrial de A Fonsagrada, (incluído expropiacións/adquisición de terreos).
“Un ano despois, nada de nada”. Antonio Ameijide amósase contundente neste eido xa que “esta mesma semana estivemos na zona na que debería de haber un polígono industrial con empresas xerando riqueza neste municipio e na montaña luguesa, pero nada hai”.
A realidade é que “non poden botar culpas a outras administracións pola súa falta de traballo” xa que ese polígono industrial conta co informe de impacto ambiental favorable por parte da Xunta de Galicia.
Este polígono é “moi importante” para A Fonsagrada e para os municipios limítrofes para a creación de riqueza e emprego xa que “cónstanos que hai empresarios interesados en poder levantar unha nave nesta zona para impulsar as súas empresas”.
FINANCIAMENTO E LOCALIZACIÓN
Segundo o convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada o ente provincial aportará o 90% do financiamento, correspondendo a parte restante ao propio concello.
En total, a Deputación aportará 2.431.786,50 euros, mentres que o Concello de A Fonsagrada achegará 270.198,50 euros.
Esta zona industrial estará situada na parroquia de O Padrón, na confluencia da estrada LU-530, que chega de Lugo, coa LU-P-1901, que enlaza con Navia de Suarna.
Urbanizaranse 34.000 metros cadrados, nos que se habilitarán 15 parcelas e 250 prazas de aparcamento.
“Por moito que intenten vestir os números, a realidade é a que é e non fixeron nada”, afirmou o popular, ao que engade datos que si confirman o compromiso real doutras administracións, como os 225.000€ consignados pola Xunta de Galicia para construír a rotonda de acceso ao que debería ser este polígono industrial.
OUTROS POLÍGONOS ABANDONADOS NA PROVINCIA
Antonio Ameijide tamén pon o foco nos “nulos avances” que se deron noutras zonas industriais da provincia, poñendo como exemplo Castroverde.
Neste municipio, a obra rematouse no ano 2015 e lonxe de xerar emprego e riqueza “son parcelas cheas de toxos e matorrais”.
Esta zona industrial tamén naceu dun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, Suplusa e o Concello de Castroverde, contando tamén cun investimento semellante (2.7M€). “Outra foto máis de Besteiro que rematou nun polígono que conta cunha ínfima porcentaxe de ocupación, sen mantemento e cun nulo interese dos diferentes gobernos provinciais de PSOE e BNG por promocionalo e potencialo”, indicou.