O PP esixe unha actuación urxente ante un vertido de augas fecais no Rato

LugoXa
Os populares apoian as denuncias da veciñanza de Casas Vellas e Camiño Romai e levarán un rogo ao pleno para reclamar a reparación inmediata do colector e a seguridade da vía
Vertidos-río-Rato-Lugo
4 Mar 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo vén de sumarse ás denuncias formuladas pola veciñanza de Ponte Romai e Casas Vellas e reclama ao goberno local “unha actuación urxente ante un vertido de augas fecais no Rato, así como asegurar a rúa na que está que pode colapsar”, unha problemática que xa fora advertida pola Asociación Gatos Roxos das Gándaras.

Segundo explican os populares, no cruce de Casas Vellas, Ponte Romai e rúa da Soidade rebentou un colector hai máis de medio ano, o que provoca desde entón un vertido continuo de augas fecais ao río Rato. Para o PP, trátase dunha situación “inaceptable” desde o punto de vista ambiental e unha mostra do abandono, da falta de xestión e do que cualifican como falso respecto polo medio ambiente por parte do executivo municipal.

A esta problemática súmase, ademais, unha cuestión de seguridade viaria. No mesmo punto existe un socavón e a calzada presenta fendas que fan temer que poida ceder en calquera momento, provocando o colapso da vía nese tramo. Os populares lembran que se trata dunha rúa con tráfico habitual, empregada como acceso ao polígono do Ceao desde Ponte Romai.

A veciñanza presentou escritos tanto no Concello como na Confederación Hidrográfica do Norte para advertir da situación. Porén, segundo denuncian desde o PP, a única resposta do goberno local foi a colocación de valos, unha medida que consideran claramente insuficiente para garantir a seguridade de vehículos e peóns.

Ante esta situación, o Grupo Popular anunciará a presentación dun rogo no vindeiro pleno co obxectivo de que se adopten medidas inmediatas. “Non se pode mirar para outro lado ante un vertido fecal a un río e ante un risco evidente para vehículos e persoas. Esiximos unha actuación inmediata para reparar o colector, eliminar o vertido e asegurar a vía”, sinalan.

Pola súa parte, desde o Goberno local din que os traballos de subsanación das deficiencias detectadas están planificados desde hai varias semanas.

Porén, a actuación non pode levarse a cabo polo momento, xa que é imprescindible que o caudal do regato baixe a niveis que permitan garantir a operatividade dos equipos no punto exacto da avaría.

Estase a realizar un seguimento continuo da situación e, en canto as condicións hidráulicas o permitan, procederase á execución inmediata dos traballos previstos.

0.12703108787537