O PP esixe unha mellor planificación das obras de Lamas de Prado
As obras que o goberno local está a realizar na rúa Lamas de Prado están a suscitar moitas queixas entre os veci os da zona, principalmente por todas as molestias que lles están a ocasionar, chegando ata o punto de que lles impiden o acceso a garaxes durante tres días e tamén impiden ou complican moito o acceso aos portais.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular recibiron moitas queixas por parte de veciños e comerciantes da zona, que ven como, baixo o seu punto de vista, as obras van moi lentas e, agora, como apareceron “da noite a mañá” carteis informando de que non se poderá entrar nin saír dos garaxes durante tres días. “A mala planificación das obras por parte do goberno local pasa unha nova factura aos veciños”, critican, xa que pode entenderse que debido ás obras poida limitarse durante unhas horas o acceso aos garaxes “pero nunca durante tres días, sobre todo nunha zona na que non hai prazas de aparcamento na rúa”.
Outra das queixas dos veciños é o acceso ás vivendas. Non se impide o acceso aos portais como sucede cos garaxes, pero si que “imposibilitan totalmente” o acceso a persoas con mobilidade reducida. “Non nos referimos so a persoas en cadeiras de rodas. Calquera persoa con outro tipo de problemas de mobilidade non poderá entrar nin saír da súa vivenda pola mala planificación da obra. Nunca vimos unha obra na que non seposibilitaran alternativas á mobilidade dos veciños”, lamentan.
Ante esta situación, os concelleiros populares amosan a súa preocupación pola “nula empatía e preocupación” do goberno local cos veciños desta zona e esixen unha rectificación inmediata para facilitar a mobilidade mentres duren os traballos.