O PP estuda pedir a dimisión do alcalde de Castroverde

LugoXa
Consideran "reprobable" que o rexedor convocase o pleno sendo coñecedor do positivo en covid-19 dun dos edís do equipo de goberno
30 Xan 2021

O pleno municipal celebrado esta semana en Castroverde está a dar para moito, e non precisamente polos asuntos incluídos na orde do día. Logo de achacar a unha suposta "crise de goberno" a ausencia de 6 edís do PSOE á sesión plenaria, o Partido Popular estuda agora pedir a dimisión do alcalde do municipio, o socialista José María Arias, por convocar a sesión "sendo coñecedor da existencia dun positivo en covid-19 entre os seus concelleiros".

O voceiro do PP en Castroverde, Rubén Otero, entende que "o pleno puido desenvolverse de forma telemática ou, incluso, ser atrasado para celebrarse noutra data". Os populares ven "reprobable" a decisión do rexedor de continuar adiante co pleno sabendo que “os seis concelleiros socialistas que non asistiron estaban pendentes dunha PCR”. Para Otero, “debera ter tomado outra decisión para non poñer en risco a saúde dos asistentes”.

O popular ten presente a actual situación que vivimos definida por importantes restricións co obxectivo de frear o avance dos contaxios de coronavirus e considera que “ante esta irresponsabilidade por parte do alcalde de Castroverde cabe pedir a súa dimisión e así o estudaremos nos vindeiros días”.

Otero xa pediu “explicacións” ante “a falta de rigor” derivada desta delicada situación da que fai responsable ao rexedor local.

0.19083094596863