O PP exige explicacións á Deputación de Lugo por 20 anos de parálise en Paradai

Os voceiros populares no Concello e na Deputación de Lugo, Elena Candia e Antonio Ameijide, desvelaron novos datos sobre a venda de varias parcelas que a Deputación de Lugo ten en Paradai, esixindo José Tomé que pida desculpas públicas “por todas as mentiras e calumnias” vertidas contra o Partido Popular, especialmente contra o expresidente da Deputación Francisco Cacharro, en relación á venda de varias parcelas que o ente provincial ten en Paradai.
O voceiro popular recorda que este proceso de venda de parcelas comezou en outubro de 2005 dende Suplusa, nun proceso avalado polo propio PSOE, xa que se aprobou por unanimidade dos membros deste ente e, dende entón, “ningún dos diferentes gobernos socialistas que rexeron a Deputación de Lugo e que herdaron unha venda en condicións de total transparencia, pola que a Deputación debería ingresar 3.666.173,84 euros e que, tras case 20 anos non só non se ingresou este diñeiro senón que ata corremos o risco de ter que devolver os cartos ao promotor máis intereses de demora e veremos se tamén o lucro cesante”.
Neste senso, Antonio Ameijide explica que segundo un decreto do 20 de novembro de 2024, a Deputación de Lugo autoriza un gasto de 12.100 euros para a ‘Adaptación dos documentos para aprobación inicial do Plan Parcial S-13R do ano 2018 aos requirimentos municipais e nova lexislación’, ou o que é o mesmo, “José Tomé recoñece que non fixeron nada por regularizar a situación en Paradai a pesar de que hai un ano acusou ao Partido Popular dun suposto pelotazo inmobiliario que queda claro non existe e que o problema real é que ningún dos gobernos de PSOE e BNG fixo nada por resolver esta venda de terreos, e recoñece con este decreto tamén que todo estivo paralizada polos gobernos do PSOE e BNG na deputación e no concello durante estes anos”.
Así, desde o PP conclúen que "á vista dos feitos e do que agora queren corrixir PSOE e BNG, José Tomé ten a obriga de dar explicacións públicas de por que ese Plan Parcial para Paradai leva uns 20 anos paralizado nos caixóns do Concello de Lugo sen que a Deputación se preocupase o máis mínimo".