O PP fará a homenaxe a Cacharro Pardo o día 5 de novembro

O Partido Popular de Lugo celebrará o 5 de novembro un acto de homenaxe a Francisco Cacharro, coincidindo coa data na que, en 1984, deron comezo as clases na Facultade de Veterinaria de Lugo, unha das grandes obras impulsadas polo expresidente da Deputación.
O evento estará coordinado por Xulio Xiz, persoa de recoñecido prestixio no ámbito cultural e gran coñecedor da historia de Lugo. O programa incluirá a proxección dun vídeo; unha mesa redonda con intervencións de persoeiros da sociedade civil e políticos así como unha exposición "Arredor de Paco Cacharro", que resumirá o contido dun libro en recoñecemento a súa figura.
Trala reunión de traballo celebrada co comisario deste evento, a voceira do Grupo Municipal Popular, Elena Candia, e o presidente do PP de Lugo, Ramón Carballo, destacaron que este acto pretende lembrar e poñer en valor a contribución de Francisco Cacharro ao progreso de Lugo. “Paco Cacharro traballou en prol do desenvolvemento da provincia, impulsando proxectos fundamentais como a propia Facultade de Veterinaria, a rede de estradas provinciais ou as primeiras iniciativas de protección do Camiño Primitivo en Lugo. Durante a súa etapa ao fronte da Deputación (1983-2007), apostou por modernizar a provincia, mellorando infraestruturas e servizos”.
Elena Candia: "Pasaron dez anos desde a súa marcha, pero o seu legado segue moi presente. Foi un home cunha visión de futuro para Lugo, que traballou con firmeza e determinación por e para Lugo. Este acto non é só unha lembranza, senón tamén un recoñecemento ao seu traballo e á súa pegada imborrable en Lugo".