O PP impulsa unha recollida de sinaturas para pechar locais problemáticos na zona norte de Lugo

LugoXa
A campaña busca garantir a seguridade e a convivencia e reclamar a revogación das licenzas con infraccións acreditadas
PP-Seguridade-Zona-Norte-Milagrosa
12 Sep 2025

O PP de Lugo manifestou o seu respaldo á mobilización veciñal da zona norte da cidade e anunciou a posta en marcha dunha recollida de sinaturas para esixir medidas que garantan a seguridade, a conciliación e o peche definitivo, así como a revogación das licenzas, dos locais onde se acrediten infraccións.

A portavoz popular, Elena Candia, explicou que a decisión chega tras a ausencia de resposta e a falta de medidas do goberno local para garantir a seguridade e a convivencia na zona. Candia destacou que o Grupo Popular promoverá o peche definitivo e a revogación da licenza “daqueles locais onde estén probadas múltiples infraccións e problemas de convivencia derivados das mesmas”.

A campaña desenvolverase a pé de rúa, con presenza dunha carpa informativa na rúa Divina Pastora, na Milagrosa, o próximo mércores 17 de setembro, e incluirá tamén percorridos por rúas e comercios do barrio durante toda a xornada para recoller apoios.

“Para nós, a seguridade é unha prioridade e un eixo central do noso modelo de cidade”, sinalou Elena Candia, engadindo que “queremos un Lugo no que veciños e comerciantes vivan con tranquilidade e confianza, porque só así poderemos atraer proxectos de vida e de emprendemento á nosa cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.047335863113403