O PP insta á Deputación a amañar estradas das Nogais

LugoXa
O mal estado das estradas limita as iniciativas para atraer turismo ao municipio, apoiándose nos recursos de que dispón.
3 Xul 2021

Dende o Partido Popular sinalan que as queixas veciñais polo mal estado da rede de estradas dependentes da Deputación son constantes. Os alcaldes e portavoces do PP nos distintos concellos fanse eco "das protestas dos seus veciños e adoptan iniciativas para intentar que o goberno provincial, presidido por José Tomé, que, á vez, é o delegado de Vías e Obras, execute un plan de mellora das vías provinciais. O pasado martes celebrou pleno a Deputación, e o alcalde de As Nogais, Jesús Núñez, presentou un rogo, queixándose ao goberno polo mal estado das estradas provinciais; neste caso de dúas das que pasan polo seu concello: LU-P 4503, de San Pedro por Busnallán y Villasol a Nullán e a LU-P 0707 de Armesto por Torés a As Nogais". 

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, defende: “segundo o alcalde, hai queixas veciñais ao longo de todo o ano, porque as deficiencias das calzadas crean moitos problemas e incomodidades. Entre os afectados está o servizo de bus escolar, que ten que seguir pasando e ten moitas dificultades”. 

Así pois, tamén explican que o mal estado das estradas inflúe en moitos aspectos da vida dos veciños de As Nogais e tamén nas posibilidades de promoción do municipio. Castiñeira indica que "agora que estamos no verán, hai que lembrar que As Nogais ten recursos turísticos importantes, como é o núcleo de Torés, que ten elementos arquitectónicos moi interesantes”.

Castiñeira declara que “lamentablemente temos que repetirnos unha e outra vez nestas queixas polo mal estado das estradas da Deputación en toda a provincia e especialmente nos concellos máis pequenos; máis aínda nos gobernados polo PP. De feito parece como se houbera algunha estratexia para arranxar antes as estradas nos tramos de concellos gobernados por outros partidos, intentando deixar de lado aos do Partido Popular”.

0.15095806121826