O PP insta a PSOE e BNG a abrir o aparcadoiro de Santa María

LugoXa
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insta ao Concello a “asumir as súas responsabilidades e resolver o problema de aparcamento que eles mesmos crearon”
ameijide_aparcamento_santa_maria
Antonio Ameijide no aparcadoiro
23 May 2024

A falta de prazas de estacionamento en Lugo continúa a preocupar aos grupos políticos. Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular recordan o anuncio de febreiro de 2022, cando o BNG na Deputación e no Concello anunciaron a apertura deste espazo que, ás poucas horas, José Tomé decidiu pechar.

Un choque entre os socios de goberno en ambas administracións, Deputación e Concello, que se “solucionou”, tal e como explica o voceiro provincial popular Antonio Ameijide, co anuncio por parte de Tomé, aos poucos días, dunhas obras para renovar ese espazo e abrilo ao público. Ameijide recorda que o anuncio realizado polo presidente da Deputación contiña a apertura do aparcadoiro nese mesmo ano 2022, pero a realidade é que “estamos case a mediados de 2024 e aínda non se abriu”.

Aseguran que as obras remataron en setembro do ano pasado e, dende entón, abre en horario de mañá e únicamente poden acceder os funcionarios provinciais. “Parécenos unha boa opción que os empregados da Deputación teñan un espazo habilitado para aparcar con seguridade e dentro do propio centro de traballo, pero non se entende que polas tardes se poña o candado e se manteña baleiro estando ao carón do centro, cando anunciaron a súa apertura en 2022”, sinalou.

Dende o Grupo Provincial Popular estanse a estudar todas as opcións, como solicitar acceso e copia a toda a documentación relativa a este aparcadoiro para estudar detalladamente os motivos de que siga pechado e sen abrir ao público. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, insta ao Concello a “asumir as súas responsabilidades e resolver o problema de aparcamento que eles mesmos crearon”, destacando o carril bici, a reorganización do tráfico e agora coas obras de peonalización. “Resulta incomprensible que non previran a construción de aparcamentos disuasorios cando decidiron eliminar o tráfico de vehículos do centro”, apunta.

Arias critica o papel do Concello e da Deputación

Neste sentido, lembra que a Xunta está a investir 1,2 millón de euros no aparcamento da avenida de Breogán, preto dos novos servizos sociosanitarios do barrio da Residencia. Arias cre que o BNG fai un labor de “oposición á Xunta en vez de gobernar e levar a cabo proxectos para os que o Concello é plenamente competente; usa temas recorrentes nos que esixe aos demais o que el non fai”. Así ocorre, indica, con este e outros asuntos como A Tinería, onde se inhiben de actuar mentres critican ao Goberno galego “que leva investidos máis de 26 millóns de euros e rehabilitadas 96 vivendas”.

Arias recorda que a Deputación tamén ten opcións en instalacións como a Escola de imaxe e son ou o Centrad, “pero que esperar -destaca- se a estas alturas aínda teñen pechado o do Fogar de Santa María, que parecía tan urxente que ata talaron as árbores sen permiso, con aleivosía e co silencio do Bloque, que son ecoloxistas só cando convén”.

Arias expón, unha vez máis, que o estacionamento do Edificio Multiusos da Xunta en Lugo está ocupado polo parque móbil da Administración e ten que asegurar que queden prazas para o persoal pola operatividade de servizos que funcionan as 24 horas os 7 días da semana, como emerxencias ou incendios.

En relación aos demais espazos cuxa apertura solicita o BNG, o aparcamento da Facultade de Formación do Profesorado depende da Universidade de Santiago de Compostela, e o do instituto Lucus Augusti fará falta para os vehículos de obra que traballarán proximamente na rehabilitación integral do edificio, na que a Xunta inviste 3,4 millóns de euros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18504500389099