O PP insta ao goberno de Castroverde a adoptar medidas para asegurar edificios en ruínas
O PP insta ao goberno de Castroverde a adoptar medidas para asegurar valados a medio derrubar e edificios en ruínas ao pé de vías públicas, para evitar risco para o tráfico peonil e rodado.
"No termo municipal de Castroverde hai muros parcialmente derrubados de edificios en estado ruinoso ao pé de vías públicas; a parte que aínda queda en pé constitúe un grave risco para a seguridade do tráfico rodado e peonil", di o portavoz municipal do PP, Rubén Otero, así, propón ao goberno municipal a elaboración dun censo de inmobles nestas condicións, para adoptar as medidas necesarias para que non poñan en perigo a seguridade das persoas.
Otero di que "á beira de vías públicas, ao longo do municipio, son numerosos os valados a medio derrubar que pechan leiras e os muros de casas en estado de ruína".
Otero explica que "unha vez coñecidos os casos nos que é preciso intervir, o goberno municipal debe dar as instrucións necesarias para que o Concello inste aos propietarios a adoptar as correspondentes medidas de seguridade. Se, cubertos os trámites correspondentes, os donos de valados e casas en ruínas non fan o que se lles indica, deberá ser o propio Concello o que interveña, por vía subsidiaria (executa os traballos precisos e pasa a factura aos donos dos bens afectados)".
Para os populares, o Concello ten a obriga de velar pola seguridade dos cidadáns. Otero di: “Unha maneira de facelo é evitando que lles poida caer enriba parte dun valado ou do muro dunha casa; ou que as pedras ocupen a calzada e dean lugar a accidentes de tráfico. Por iso, espero que faga caso da nosa petición, que responde as queixas que recibimos de moitos veciños”.