O PP instará ao Goberno a liberar os fondos para rehabilitar o Mosteiro de Vilar de Donas

O PP, a través de José Manuel Barreiro, defenderá na Comisión de Industria e Turismo do Senado unha iniciativapara instar ao Goberno de Sánchez a cumprir coa asignación económica comprometida para o proxecto de rehabilitación do Mosteiro de Vilar de Donas, en Palas de Rei, segundo o previsto no Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, que reservaba 1.500.000 euros para este fin.
En xuño de 2021, o Goberno de España presentou no Museo de Belas Artes de Oviedo o Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022, un proxecto para impulsar os Camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial, cun investimento superior a 121 millóns de euros financiados cos fondos europeos Next Generation. Entre estas partidas, destinouse 1,5 millóns de euros á rehabilitación do Mosteiro de Vilar de Donas.
Barreiro subliña que “transcorridos tres anos desde o anuncio, non existe constancia da liberación destes fondos asignados para esta obra de recuperación, a pesar de que xa existe un acordo co Bispado de Lugo, que apoia a rehabilitación integral deste inmoble, hoxe en mal estado de conservación”. O popular engade que “esta sería, sen dúbida, unha obra de gran importancia e especialmente conveniente neste momento, cando no horizonte está o próximo Ano Santo Xacobeo 2027”.
O Mosteiro de Vilar de Donas forma parte do patrimonio histórico e cultural de Palas de Rei e constitúe unha demanda recurrente da cidadanía, ademais dun atractivo para os miles de visitantes que acoden á igrexa románica anexa ao mosteiro.