O PP instará ao Goberno local de Lugo a aprobar unha ordenanza específica que regule o novo Auditorio

LugoXa
"A falta dunha normativa está impedindo que compañías e artistas poidan acceder ao recinto con igualdade de oportunidades, o que está limitando a súa utilización", din
Novo-Auditorio-Fuxan-os-Ventos-Lugo
8 Apr 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo levará a comisión unha batería de preguntas para esixir transparencia na xestión do Auditorio Fuxan os Ventos, un equipamento inaugurado hai case catro meses, que segue sen contar cunha ordenanza que regule o seu uso.

"A falta dunha normativa clara está impedindo que compañías e artistas poidan acceder ao recinto con igualdade de oportunidades, o que está limitando a súa utilización", denunciou o concelleiro popular, Javier Vázquez.

Neste sentido, o Grupo Municipal do PP preguntará na comisión sobre os criterios que se están utilizando para conceder ou denegar o acceso ao Auditorio, e se existe unha relación de solicitudes presentadas e denegadas. Tamén solicitarán acceso á información sobre as previsións para garantir unha programación estable e accesible para todos os colectivos culturais da cidade, así como detalles sobre as obras previstas para o verán, o seu custo e a súa duración.

O concelleiro explicou que a programación do Auditorio até o de agora foi limitada, con poucos eventos puntuais e sen unha planificación clara. A maioría das actividades realizadas ata o momento foron actuacións de bandas, agrupacións culturais e teatrais locais, ou galas benéficas.

Con todo, o Partido Popular tamén presentará unha proposición no pleno instando ao goberno local a aprobar unha ordenanza específica que regule o funcionamento do Auditorio. Esta normativa debería establecer normas claras de uso, tarifas públicas transparentes e criterios equitativos para a adxudicación dos espazos.

⚙ Configurar cookies
0.17582297325134