O PP intensifica as reunións veciñais en Lugo para explicar o alcance do PMUS

LugoXa
Os populares advirten de que o plan, que prevé ampliar a rede ciclista ata os 47,4 quilómetros, pode alterar a mobilidade diaria e lembran que prevalece sobre o Plan Xeral en caso de contradición
reunión-Ramón-Ferreiro-PP-Lugo
3 Mar 2026

O Partido Popular de Lugo continúa desenvolvendo encontros coa cidadanía co obxectivo de trasladar, segundo sinala, o modelo de cidade que PSOE e BNG pretenden implantar a través do Plan de Mobilidade Urbana Sostible aprobado polo Concello. A formación sostén que se trata dun documento que introduce cambios profundos en numerosos espazos urbanos e que pode xerar dificultades na mobilidade cotiá.

Os populares subliñan que un PMUS non é unha mera declaración de intencións, senón un instrumento de planificación de obrigado cumprimento que regula a organización da mobilidade na cidade. Ademais, lembran que, segundo o artigo 150.2, no caso de existir contradicións esenciais entre o Plan de Mobilidade e o Plan Xeral, prevalecerá o primeiro e deberá modificarse o segundo. Ao seu xuízo, isto implica que o que ten validez xurídica é o documento aprobado, no que se contempla, entre outras medidas, a ampliación da rede ciclista ata alcanzar os 47,4 quilómetros.

O PP cuestiona que a única garantía de que o plan non se execute sexa a palabra do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e lembra que o 26 de decembro asegurou que o PMUS quedara aprobado de forma definitiva. Posteriormente, tras a admisión dun recurso presentado polos populares polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Goberno local viuse obrigado a abrir un novo prazo de exposición pública que remata o 18 de marzo. Para o PP, esta situación evidencia que se trasladou unha información incorrecta no pleno.

A formación tamén incide en que as responsabilidades de goberno poden variar co tempo e que, aínda que actualmente a área de Mobilidade está xestionada polo BNG, no futuro podería cambiar de mans. Neste sentido, apuntan que as declaracións políticas son circunstanciais, mentres que os documentos oficialmente aprobados permanecen.

Dentro desta estratexia informativa, o PP celebrará esta semana novas reunións abertas á veciñanza. O mércores 4 de marzo o encontro terá lugar na zona da Avenida da Coruña ás 20:30 horas no Café Bar Darío, situado no número 298 desta avenida. O xoves 5 de marzo a xuntanza desenvolverase na zona das Gándaras ás 20:30 horas no local parroquial de San Xosé.

0.12462210655212