O PP lamenta o aprazamento da inauguración do Auditorio de Magoi ata febreiro de 2023
O Partido Popular lamenta que a alcaldesa de Lugo “por fin recoñeza, de forma pública, cal é a súa estratexia para o novo Auditorio de Magoi: inauguralo a efectos electorais en febreiro de 2023, sen ningún tipo de programación e sen saber como vai xestionar esta infraestrutura”. Esta é a lectura que fan no Grupo Municipal Popular sobre as declaracións de Lara Méndez de que se vai a programar un acto para celebrar que Lugo será o próximo ano capital cultural do Eixo Atlántico.
O portavoz popular Ramón Carballo afirma que “o PSOE vai ao seu, a vender unha imaxe sen importarlle nin o máis mínimo como vai manter o edificio, como se vai a xestionar e que contidos vai ter” lamentado que “a pesar dos intentos que fixemos de tenderlles a man para acordar todas estas cuestións déronnos, tanto desde o PSOE como desde o BNG, a calada por resposta”.
Desde o PP explican que “non sorprende este anuncio xa que no plan de contratación do concello para este 2022 non aparece contemplada nin unha soa partida para a súa posta en funcionamento” lembrando como “xa con anterioridade tampouco se reservou nin un só euro para este exercicio nos orzamentos municipais”.
Para os populares, se a alcaldesa de Lugo está tan preocupada pola dinamización económica de Lugo e a semana pasada facíase a ofendida coa “competencia desleal que o seu retrouso de goberno, o BNG, estivo a facerlle ás guías turísticas” non entendemos por que non ten un mínimo de sensibilidade e ponse ao choio para axilizar a apertura do auditorio de Magoi. O portavoz popular lémbralle que “aquí tamén hai moitas familias do mundo da industria cultural que se beneficiarían da súa apertura e que a súa posta en funcionamento traduciríase nunha dinamización económica deste sector”.
Carballo facía estas declaracións a dous días de que se cumpra un ano e dez meses desde que a alcaldesa ten as chaves do edificio, que está peor que cando o entregaron xa que se está deteriorando. Os populares insisten en que, polo menos, arromben a leira e dado que o valo perimetral esta aberta e xa hai moitos veciños que acceden á contorna retírese de forma inmediata para que o barrio gañe novos espazos públicos.