O PP lamenta que a cafetería do Vello Cárcere quedara deserta por cuarta vez
O Partido Popular lamenta un novo “fiasco do bigoberno á conta da posta en marcha da cafetería panorámica que hai no piso superior do Vello Cárcere”. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explica que “cada vez se superan máis e demostran que están fóra da realidade”. O popular facía esta reflexión logo de confirmar que “a cuarta licitación promovida polo Concello de Lugo para adxudicar a explotación da cafetería panorámica do Vello Cárcere quedou deserta”.
“Coa cafetería do Vello Cárcere temos un 4x4, catro anos dende que se inaugurou, o pasado día 30 de marzo de 2017, e catro pregos de condicións que non se axustan á realidade e que espantan aos hostaleiros para explotar este espazo de luxo no centro de Lugo con vistas á mosqueira da Muralla”.
O pasado día 22 de febreiro concluíu o prazo para recepción de ofertas sen que ningunha iniciativa privada presentase a documentación. Segundo o último prego de condicións os inversores que puideran estar interesados en asumir a xestión do restaurante terían que aboar un canon de 16.300 € ao ano; o prazo da concesión sería de 10 anos máis 5 de prórroga.
Os populares explican que o bigoberno intentou convencernos de que ía resultar atractiva a concesión porque rebaixaron a cota mensual pero esta mellora era ficticia, xa que neste último novo prego de condicións se obriga aos adxudicatarios a pagar as facturas da luz e de auga, unha circunstancia que dado o prezo que está a alcanzar resulta insostible para moitos hostaleiros.
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide anunciou que “á vista deste fracaso” pedirán que se presente un informe en comisión “que analice as causas que provocan o rexeitamento do sector á explotación deste espazo de restauración co ánimo de que se redacte un novo prego atractivo para os hostaleiros”.
O Partido Popular advertiu dende o primeiro momento do “pouco futuro que auguraban a esta adxudicación: a cafetería primeiro non tiña un acceso independente (se soluciona logo da presión e denuncia pública que fixo o Grupo Popular); actualmente segue sen ter un baño adaptado nas instalacións da cafetería e, por riba, para que se poida abrir se require facer un investimento moi importante: instalación e legalización completa de gas e execución da saída de fumes; tamén é necesario un investimento de entre 60.000 a 80.000 euros en mobiliario e equipamento para o desenvolvemento da actividade. Todo este material e instalacións asumidas polo empresario son a fondo perdido xa que reverterán no Concello e deben estar listas nun prazo dun mes, algo que co desabastecemento actual de materiais e as tramitacións para legalización do gas é algo inviable.