O PP lamenta que a resolución de licenzas siga empeorando en 2022
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular lamentan que o goberno de Lara Méndez siga lastrando e paralizando a actividade económica da cidade e os investimentos que particulares, autónomos e empresas queren realizar no municipio, despois de analizar os datos de resolución de licenzas do que vai de 2022 e poñelos en contraste cos do mesmo período de 2021.
Explica Antonio Ameijide que, no que vai de ano, o Concello de Lugo resolveu 123 licenzas en xunta de goberno (65 licenzas correspondentes ao ámbito urbano e 58 ás parroquias do rural), un investimento privado total de 13.578.076,22€. Uns datos obtidos das actas das xuntas de goberno polo que para o popular “o goberno local non pode negar estes datos, salvo que nas actas oficiais falten á verdade”.
“Son datos moi preocupantes” xa que só o 9,75% das licenzas se resolveu no prazo legal de 3 meses. Das 65 solicitudes de licenza resoltas no ámbito urbano, só 12 se resolveron en menos de 3 meses, mentres que a zona rural ningunha das solicitudes se resolveu en prazo, habendo expedientes dos anos 2014 e 2015 (máis de sete anos pendentes).
Para o viceportavoz popular “os datos oficiais extraídos das actas das xuntas de goberno local son o mellor argumento para rebater o triunfalismo do que fan gala Lara Méndez e Rubén Arroxo, xa que a única realidade para os lucenses e as persoas que queren investir en Lugo son as complicacións, trabas e atrasos para conseguir licenza de obra maior”. Esta realidade que “provocan e queren” desde PSOE e BNG en Lugo supón un “freo nas obras que paraliza a economía local e desincentiva o investimento”.
No que vai de ano, os lucenses que pediron permiso para construír, rehabilitar ou facer obras de conservación ou reforma dunha vivenda no municipio tiveron que esperar 557 días de media para conseguir o seu permiso. Na zona urbana a espera media foi de 515 días, mentres que na zona rural a espera media foi de 609 días. “Vemos como os datos empeoraron notablemente, xa que no mesmo período de 2021 a espera media foi de 438 días na zona urbana e de 604 días no rural”, criticou. Esta crítica fundaméntase en que, de media, cada expediente supón un investimento de 167.630€, polo que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo están a paralizar millóns de € de investimento privado no Concello de Lugo.
Á vista destes datos, desde o Grupo Municipal Popular pedirase acceso aos datos das solicitudes de licenzas sen resolver para saber “cantos expedientes están aínda sen resolver no Concello de Lugo”. Uns datos cos que tamén se coñecerá o investimento privado que está a bloquear o goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo pola súa falta de axilidade na tramitación dos expedientes. Finaliza Antonio Ameijide asegurando que é “inadmisible” que despois de oito concelleiros de urbanismo; despois de nomear a un coordinador para a área de Urbanismo e despois de designar a un novo xefe de servizo “Lugo sexa un territorio comanche á hora de conseguir unha licenza para rehabilitar unha vivenda, crear un negocio, facerse unha casa, construír un almacén agrícola ou levantar unha nave industrial. O goberno municipal de PSOE e BNG está a bloquear Lugo”.