O PP lamenta que non se melloren os problemas da Praza e o Mercado de Quiroga Ballesteros
O Partido Popular alerta de que o goberno local, "unha vez máis, demostra a súa incapacidade para resolver as necesidades da Praza de Abastos e do Mercado de Quiroga Ballesteros". Nos orzamentos para 2025 inclúense 110.000 euros para melloras para accesibilidade; adecuación de postos baleiros e para accións de dinamización. Con todo, estas partidas xa figuraban en exercicios anteriores e nunca se executaron. Esta circunstancia é “unha proba máis de que o papel todo o aguanta” e que os seus orzamentos non son cribles.
"O abandono, a parálise e a falta de compromiso do goberno local cos praceros tamén se reflicte na decisión de renunciar a unha subvención de case 9.000 € da Xunta de Galicia, destinada a incorporar a praza de abastos de Lugo á Rede de Mercados Excelentes de Galicia", explican.
"Dado que no concello non facilitaba documentación deste trámite tivemos que solicitar á Xunta, mediante o artigo 9.2 do Regulamento do Parlamento de Galicia, acceso á a carta na que xustifican esta decisión. É incomprensible que aleguen falta de tempo e recursos propios para executar proxectos que beneficiarían directamente ao comercio local e atraerían máis clientes ao centro histórico", engade Elena Candia.
"Esta decisión súmase á longa lista de desagravios de socialistas e nacionalistas cos praceros", di. A axuda, que Lugo perde "polo desinterese do BNG coa complicidade do PSOE", formaba parte da orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración do 9 de xullo de 2024.
Explica a representante popular que en agosto o Concello solicitou a axuda para o impulso da praza como Mercado de excelencia e se lle require oito días despois a documentación dándolles un prazo de dez días máis que a achegasen. En setembro se lle comunica a concesión da achega de 8.780 euros e teñen ata o 15 de novembro para xustificar. Engaden que como non se envía a documentación, a Xunta volve a reclamarlla o 18 de novembro e finalmente o día 28 de novembro é cando o Goberno presenta á Xunta un documento de que desiste e renuncia á subvención.
Dende o Grupo Municipal lamentan que o BNG e o PSOE, se dediquen unicamente a facer oposición á Xunta, e que cando teñen opcións como esta para mellorar a situación da Praza de Abastos e apoiar ao comercio local, as rexeiten. A responsable nacionalista da Praza leva xa cinco anos no cargo e, durante este tempo, pecharon postos e só reaccionou cando houbo protestas, como as vividas nos últimos meses polos praceiros. Esta actitude deixa en evidencia que, en realidade, non teñen intención de solucionar nada.
A decisión de cualificar como "alternativa máis sensata e favorable" o abandono desta subvención evidencia non só a falta de vontade política, senón tamén a ausencia de compromiso real cos intereses dos comerciantes e veciños de Lugo.