O PP leva ao pleno o incumprimento no Castiñeiro e denunciará o "abandono" dos servizos locais

LugoXa
Os populares esixen que se execute o acordo plenario de 2023, denuncian o deterioro de parques e centros sociais e reclaman unha conexión ferroviaria digna para Lugo
PP-de-Lugo-rolda-de-prensa
25 Jun 2025

O Grupo Municipal Popular anunciou que levará ao pleno do mes de xuño catro iniciativas centradas nas carencias en servizos públicos que afectan aos barrios de Lugo.

A primeira delas ten como obxectivo instar ao goberno local a cumprir o acordo aprobado por unanimidade en marzo de 2023 para mellorar os servizos do barrio do Castiñeiro, unha proposta presentada polos propios populares e que continúa sen executarse máis de dous anos despois.

Segundo explican, coa recente formalización da permuta da parcela onde se ían construír vivendas de protección oficial, xa non hai escusas para seguir adiando un proxecto que consideran viable e urxente. A proposta inclúe a creación dun espazo público na rúa Lorenzo Varela esquina con Ramón Piñeiro, con servizos e instalacións que respondan ás necesidades de todas as idades, como actividades para maiores, espazos culturais, iniciativas sociais e servizos asistenciais.

O PP subliña que a falta de servizos básicos neste barrio é unha realidade que non se pode seguir ignorando e reclama que se respecte o compromiso plenario unánime adoptado en 2023.

Ademais, os populares presentarán outras dúas iniciativas que poñen o foco na situación de abandono e deterioro de infraestruturas básicas nos barrios. Por unha banda, denuncian que os parques infantís están sen mantemento desde que caducou o contrato correspondente en decembro de 2022, e critican a falta de coordinación coa brigada municipal de xardíns. Sinalan que a chegada do verán pon de manifesto o estado de moitos destes espazos, con deficiencias e falta de seguridade.

Por outra banda, o PP tamén levará ao pleno a situación dos centros sociais municipais, moitos dos cales presentan deficiencias estruturais e carecen de reparacións básicas. Entre os problemas detectados mencionan goteiras, avarías nos sistemas de calefacción e escaleiras de emerxencia inutilizadas. Acusan ao goberno local de PSOE e BNG de deixadez e de carecer de vontade política para poñer solucións.

A cuarta das iniciativas reclama ao Goberno de España unha conexión ferroviaria digna para Lugo. O PP considera inxusto que a cidade continúe sen un servizo ferroviario comparable ao doutras capitais da contorna, e cualifica esta situación de discriminación inadmisible. Aseguran que non se trata dunha cuestión partidaria, senón dunha esixencia de igualdade e dignidade para a provincia.

⚙ Configurar cookies
0.18214702606201