O PP leva ao Senado as deficiencias en conectividade na Montaña de Lugo

LugoXa
A iniciativa ten como obxectivo esixir explicacións sobre as medidas que o Goberno ten previstas para mellorar a conectividade na zona
Os-Ancares
18 Mar 2025

Os representantes do Partido Popular no Senado, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, presentaron no Senado unha serie de preguntas ao Goberno de Sánchez sobre as deficiencias en materia de cobertura móbil, internet e fibra óptica nos municipios da comarca da Montaña lucense e Os Ancares.

A iniciativa ten como obxectivo esixir explicacións sobre as medidas que o Goberno ten previstas para mellorar a conectividade na zona.

Os senadores formularon preguntas para obter resposta escrita sobre as xestións que está a realizar a administración estatal ante as empresas de telecomunicacións para corrixir os problemas de cobertura e mellorar os servizos nesta área. Tamén solicitaron información sobre os prazos nos que se prevé que se solucione a situación.

No seu escrito, os representantes populares advertiron que “os problemas de cobertura telefónica son unha constante en moitos municipios da Montaña lucense”.

Exemplificaron esta realidade citando casos como o de varias aldeas de Cervantes, onde os veciños levan meses reivindicando acceso a un servizo telefónico básico. Outras localidades, como o Fabal, seguen sen acceso ao 4G ou ao despregamento da rede de fibra óptica.

Os senadores do Partido Popular enumeraron tamén algúns dos prexuízos que xera esta falta de conectividade no día a día. A falta de acceso a servizos de telecomunicacións afecta a particulares, estudantes e empresas.

"Prolongar no tempo estas deficiencias limita a posibilidade de seguir educación a distancia, de teletraballar desde o rural, de conectarse cos servizos de saúde, de realizar trámites administrativos ou financeiros e, incluso, impacta na actividade das empresas locais, como aquelas dedicadas ao turismo ou á venda de produtos online", subliñaron.

Finalmente, os senadores afearon ao Goberno de Sánchez as súas declaracións en relación á conectividade, criticando que aseguren que “os españois teñen dereito á conectividade e que o país está amplamente conectado grazas ao investimento realizado en redes e infraestruturas para reducir a brecha dixital entre os centros urbanos e o medio rural”, cando a realidade é que moitas localidades da provincia de Lugo continúan sufrindo problemas de conectividade de forma diaria.

⚙ Configurar cookies
0.073185920715332