O PP leva ao Senado unha proposta para incluír a Gran Senda do Navia no programa de Caminos Naturales

O senador lucense José Manuel Balseiro defenderá na Comisión de Agricultura, Ganadería y Alimentación do Senado unha proposta do Partido Popular para que o Goberno de España incorpore o proxecto da Gran Senda do Navia ao programa de Caminos Naturales.
A iniciativa inclúe tamén a execución das obras necesarias e a manifestación expresa de apoio a este proxecto, que pretende habilitar unha senda peonil e cicloturista de 428 quilómetros que atravesa 16 municipios das provincias de Lugo e Asturias.
O PP destaca o valor estratéxico deste proxecto como “elemento vertebrador e dinamizador” dun amplo territorio desde os puntos de vista cultural, socioeconómico e turístico. A senda conectaría tres das rutas oficiais do Camiño de Santiago —o Camiño Francés, o Primitivo e o do Norte—, o que suporía un importante revulsivo para atraer visitantes e fomentar o turismo sostible na zona.
Balseiro subliñou que a Gran Senda do Navia “permitiría poñer en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico da zona” e contribuiría ao desenvolvemento económico e social da comarca da Montaña lucense e do val do Navia, axudando a fixar poboación e crear emprego no medio rural.
O proxecto foi presentado en 2018 por colectivos da sociedade civil, especialmente grupos de sendeirismo de Lugo e do occidente asturiano, ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Porén, desde entón “non se produciron avances”, segundo denuncian os populares, que afirman que “o Goberno de Sánchez non fixo nada en sete anos”. Agora, o Grupo Popular pretende que o Senado mandate ao Executivo para incluír a senda no programa estatal e execute os traballos precisos.
A Gran Senda do Navia aspiraba á máxima puntuación para acceder a financiamento a través dos Caminos Naturales, ao tratarse dun proxecto intercomunitario destinado a desenvolver un territorio afectado polo despoboamento. Para avanzar, cómpre que o Goberno declare a actuación como obra de interese xeral, condición que permitiría desbloquear o seu impulso.
A iniciativa xa obtivo respaldo institucional no pasado. En abril de 2022, o Congreso aprobou unha Proposición Non de Lei do PP para instar á súa inclusión no programa estatal. Ademais, a Deputación de Lugo e o Goberno do Principado de Asturias expresaron o seu apoio, e os 16 concellos implicados formalizárono coa sinatura dun convenio marco.
O trazado da senda segue o curso do río Navia desde o seu nacemento ata a desembocadura, atravesando os municipios lucenses de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro; e os asturianos de Allande, Boal, Coaña, Grandas de Salime, Ibias, Illano, Navia, Pesoz e Villayón.