O PP levará ao pleno de febreiro tres propostas para mellorar servizos
O PP solicita a renovación da rede de augas do Ceao para aumentar a presión e garantir o servizo de extinción neste polígono industrial. A punto de cumprirse un ano do incendio rexistrado nesta zona de Lugo, e tendo en conta de que non hai reserva de orzamentos para esta obra, dende o PP solicitan que de forma urxente se mellore a rede de augas desta área industrial. Dende o PP advirten que o goberno local “ten un compromiso cos empresarios da zona e o goberno local non pode escatimar esforzos cando falamos de seguridade” matizando que “neste senso agardamos que teñan en consideración esta iniciativa e que a apoien e a executen”.
Outra das propostas que o PP presenta ao pleno é solicitar un Plan para atención de persoas sen fogar e preguntas sobre a petición veciñal de Castelo para que modifiquen a liña 5 de autobús.
Asemesmo tal e como se comprometeu o Partido Popular apoiarán a demanda dos xubilados para acadar un trato máis considerado por parte das entidades bancarias. Na emenda de engádega á iniciativa de Cidadáns propoñemos “Demandar ao Goberno de España a necesidade de elaborar un estudio, en colaboración co Banco de España e a CNMC, sobre a situación do mercado financeiro en España dende o punto de vista da concentración bancaria, da competencia e do acceso aos servizos financeiros básicos, que sirva de base para a elaboración e a posta en marcha dun plan estatal contra a exclusión financeira, con medidas que faciliten o acceso da poboación aos servizos financeiros. Entre estas medidas estaría a de impulsar unha normativa que regule a prestación universal de servizos financeiros básicos ou esenciais, de forma que se garanta a súa prestación para todos os usuarios.
Por último, o Partido Popular tamén aproveitará o debate das ordenanzas para agradecer ao goberno local que recapacitase con respecto a dúas demandas xustas que presentaron para mellorar as ordenanzas fiscais. Lembrar que grazas a presión do PP para este exercicio fiscal se volverán a recoñecer as pasaxes comerciais e tamén se establece unha nova fórmula de cálculo dos recibos de auga.