O PP levará ao pleno de Lugo o deterioro da escola de piragüismo e esixe obras inmediatas

LugoXa
Antonio Ameijide denuncia filtracións, fugas e falta de mantemento nunha infraestrutura provincial que dá servizo a centos de deportistas
melloras-escola-de-piragüismo-Lugo
21 Feb 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo formularán no vindeiro pleno unha pregunta dirixida ao goberno provincial para coñecer cando ten previsto o Goberno provincial aprobar e executar as obras de reparación e mantemento necesarias na escola de piragüismo, titularidade da Deputación, ante o estado de deterioro que presenta a instalación.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, visitou recentemente as dependencias e asegurou que puido comprobar “numerosas e graves deficiencias” na infraestrutura. Segundo detallou, existen problemas na cuberta, con caleiros obstruídos e invadidos pola vexetación que están a provocar goteiras, humidades e filtracións no interior do edificio.

A esta situación engádense fugas nas tubaxes de abastecemento e nos desaugues, así como un acusado deterioro exterior, cunha carpintería que presenta danos evidentes. Ameijide advertiu de que se trata dunha instalación provincial que acolle a centos de deportistas e que debería atoparse en condicións óptimas, pero que, ao seu xuízo, amosa un estado impropio como consecuencia do abandono e da falta de mantemento nos últimos anos.

O dirixente popular lembrou ademais que nos orzamentos provinciais se consignaron partidas destinadas a actuacións nesta escola, aínda que, segundo afirmou, esas melloras non chegaron a executarse e as deficiencias continúan agravándose co paso do tempo. Por este motivo, preguntará no pleno cando o executivo provincial prevé dar luz verde ás obras comprometidas.

“Os usuarios e os profesionais que empregan estas instalacións merecen unhas condicións dignas e seguras, e a Deputación debe asumir a súa responsabilidade como titular do inmoble”, concluíu.

0.084054946899414