O PP logra que o Senado esixa ao Goberno central melloras ferroviarias para Lugo

LugoXa
A iniciativa que se converteu nun mandato do Senado ao Goberno, buscaba corrixir o trato inxusto que, a xuízo dos populares, o Ministerio de Transportes dispensa a Lugo
PP-Lugo-critica-Plan-Director-do-Goberno-de-España
20 May 2025

A Comisión de Transportes do Senado aprobou a moción do Partido Popular pola que se esixe ao Goberno de España á adopción de determinadas medidas en relación co desenvolvemento do proxecto do Corredor Atlántico e outras infraestruturas ferroviarias.

O senador popular, José Manuel Balseiro, preguntou por que Lugo é a única provincia galega á que non chegan os trens AVE, a única capital excluída do corredor atlántico de mercadorías e a única que se queda fóra das melloras de conexións ferroviarias anunciadas con Madrid.

A iniciativa defendida polo PP, e que agora se converteu nun mandato do Senado ao Goberno de España, buscaba corrixir o trato inxusto que, a xuízo dos populares, o Ministerio de Transportes dispensa a Lugo e Galicia. “Non estamos pedindo un trato de privilexio para a nosa comunidade ou provincia, senón que cumpra as súas obrigas en materia de ferrocarril. Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos", incidiu.

Concretamente, as reivindicacións do Grupo Popular centrábase en catro demandas. No primeiro punto demandan ao Goberno de Sánchez comprometer investimentos para a mellora de infraestruturas viarias e ferroviarias na provincia de Lugo de forma equiparable ás outras tres provincias galegas para garantir as súas comunicacións, a súa competitividade e o seu desenvolvemento. Tamén piden especificar a relación de obras que se van levar a cabo en Galicia e o horizonte temporal da súa finalización.

En relación co proxecto de Corredor Atlántico ferroviario, piden nomear o interlocutor con Renfe comprometido hai máis de seis meses para informar á Xunta de Galicia das incidencias e avances en infraestruturas ferroviarias. E, finalmente, demandaron acelerar os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal.

⚙ Configurar cookies
0.15162706375122