O PP lucense urxe á CHMS a reparación do caneiro do Muíño
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, lamenta que, "unha vez que xa pasou unha boa parte do verán, o caneiro que hai á altura de O Muíño segue roto, tras case unha década neste estado, despois de que se rachase deliberadamente para executar as obras de arranxo da ponte romana".
Óscar Poy recorda que "non se trata da primeira vez que o Grupo Popular reclama o arranxo desta infraestrutura, vital para o mantemento do nivel do río, algo que tamén reclamou no pasado o BNG e prometeu realizar o PSOE, pero que agora que comparten goberno e moqueta”semellan ter esquecido xa que non queren nin oír falar do tema”.
O popular sinala que "esta é a mellor época para levar a cabo estes traballos, tanto polo nivel do río como da estación na que nos atopamos xa que o arranxo debe facerse antes de que chegue o mal tempo e aumente o caudal do río".
O concelleiro popular urxe "á reparación do caneiro de O Muíño, sobre todo tendo en conta que hai semanas que se coñeceu o fallo xudicial que revertía a titularidade deste caneiro de novo á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, polo que dende a Confederación xa non teñen ningún tipo de escusa para non reparalo”. Sinala Óscar Poy que a propia Confederación Hidrográfica xa repetiu en numerosas ocasións que tiña preparado un proxecto para a súa reparación, por un importe de 320.000€.
A reparación deste caneiro é unha vella demanda da cidadanía, sobre todo daqueles persoas que máis empregan o río, como son os piragüistas, polo que é necesaria unha intervención decidida para que non se agrave aínda máis o mal estado deste caneiro.
Recorda Óscar Poy que "os problemas con este caneiro comezaron co arranxo da ponte romana en 2012, unha obra realizada baixo a batuta do BNG, cando Paz Abraira era a concelleira responsable de Infraestruturas. Para a realización desta obra era preciso que baixara o nivel da auga, polo que se optou por romper o caneiro. O problema é que cando rematou a obra, dende o BNG esqueceron misteriosamente urxir á empresa que realizou os traballos o arranxo do caneiro, algo do que se acordaron unha vez racharon o pacto de goberno con Orozco. Semella que á volta á oposición lles fixo recordar os problemas da cidade”, sinalou.
O popular lamenta "levar demasiados anos escoitando tanto a socialistas e nacionalistas que Lugo ten que mirar cara ao Miño, algo no que nós estamos de acordo, pero precisamos feitos e non palabras”. “É momento de deixarse de promesas, hai que pasar aos feitos xa que, por desgraza, todo o que ten que ver con potenciar o río, que depende do PSOE e BNG, foi un auténtico fracaso”, lamentou.