O PP provincial de Lugo mostra a súa preocupación pola residencia de maiores de Becerreá

LugoXa
Os veciños de Becerreá puideron observar a operarios realizando labores no inmoble, o cal podería indicar desperfectos ocasionados polo prolongado peche do edificio
residencia-becerrea-pp
9 Jan 2025

O Grupo Provincial Popular de Lugo expresa a súa preocupación ante posibles danos no edificio da residencia de maiores de Becerreá. A obra, concluída hai máis de tres anos, non foi posta en funcionamento polo goberno provincial do PSOE e o BNG, permanecendo pechada durante todo este tempo.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sinala que nos últimos días os veciños de Becerreá puideron observar a operarios realizando labores no inmoble, o cal podería indicar desperfectos ocasionados polo prolongado peche do edificio. Por esta razón, os deputados populares planean preguntar sobre a natureza dos traballos que se están levando a cabo e os motivos detrás dos danos que se están intentando corrixir.

Antonio Ameijide explica que o mantemento que agora se realiza no centro de atención a maiores de Becerreá confirma as súas sospeitas sobre por que PSOE e BNG se negaron a permitir o acceso ao edificio, pois non querían que se fixeran públicas as deficiencias existentes.

Dende o Grupo Popular solicitouse formalmente, dende o pasado 19 de xullo, a posibilidade de acceder ao interior do edificio. “Cunha simple ollada ao exterior, xa era perceptible que había desperfectos, pero as labores de mantemento confirmaron as nosas preocupacións”, engade Ameijide.

Os concelleiros do PP en Becerreá remarcan que as discrepancias políticas impediron a apertura desta infraestrutura, que debería dar servizo a 100 maiores en réxime residencial e a outros 40 no centro de día, ademais de supor a perda duns cen empregos directos e indirectos.

Antonio Ameijide critica a opacidade do presidente Tomé, do PSOE e o BNG, na súa negativa continua de permitir aos deputados populares o acceso a instalacións provinciais, algo que tamén ocorreu no Fogar de Santa María e na nave de Begonte.

O Grupo Provincial Popular continuará apoiando á Plataforma Pro Residencia de Becerreá e promete non renderse ata que a residencia se abra e se poña en funcionamento, ofrecendo todo o seu respaldo á xusta reclamación dos veciños da comunidade.

0.17114996910095