O PP pedirá no Pleno da Deputación a unidade no apoio ao sector primario

O Grupo Provincial Popular defenderá no Pleno da Deputación de Lugo deste martes a unidade do Pleno en defensa do sector primario e a posta en marcha da residencia comarcal de Becerreá.
O voceiro, Antonio Ameijide, insiste en defender “a igualdade nos servizos e nos prezos por praza para os usuarios de tódalas residencias da rede provincial da Deputación de Lugo”. Trala publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público da consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá sen poñer data real á licitación e apertura efectiva do centro, asegura que “nos tememos que PSOE e BNG pretendan dilatar a apertura do centro e privatizar os servizos na súa totalidade de forma que sexan os usuarios os que soporten a posta en marcha e o custe total do servizo por parte do operador”.
Así, os deputados do Partido Popular instan ao goberno provincial de PSOE e BNG a revisar a tramitación para a posta en marcha do Centro de Día e Residencial Comarcal de Becerreá no primeiro semestre do ano nas mesmas condicións que no resto das residencias da rede provincial.
“É inviable que unha poboación cunha pensión media de 1.014,99€/mes, como indica a propia Deputación na documentación encargada a unha consultora externa, poida facer fronte aos custes por praza e usuario que se plantexa no procedemento de licitación que son de 2.200€/mes para os usuarios dependentes, preto dun 60% máis que no resto dos CAM provinciais, e 1.750€/mes para os usuarios autónomos”, explicou.
Os deputados populares tamén propoñen que o Pleno da Deputación esixa ao Goberno de España a protección do sector primario, defendendo as cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur ante posibles ameazas e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos na Unión Europea.
Así mesmo como instar á Xunta de Galicia a reclamar ante o Goberno central estas peticións e a seguir intensificando as medidas de apoio ao sector primario, especialmente no ámbito da sanidade animal, a prevención de enfermidades, as compensacións por perdas e o control da fauna salvaxe que afecta ás explotacións.
Ameijide tamén subliña que “é necesario facer unha fronte común para reclamar unha nova Política Agraria Común con fondos suficientes e diferenciados, que permita asegurar as axudas directas a gandeiros e agricultores para promover a remuda xeracional e, ao mesmo tempo, asegurar un adecuado desenvolvemento rural”.
ROGOS E PREGUNTAS
O Partido Popular tamén instará ao goberno da Deputación de Lugo a través de dous rogos a completar a mellora da totalidade da estrada provincial ao seu paso pola parroquia sarriá de Céltigos, a LU-P-5701, garantindo a correcta execución e acabado das actuacións e a seguridade das persoas usuarias da vía e a acometer debidamente os traballos de mantemento e poda das árbores das marxes das vías provinciais para evitar posibles riscos para a seguridade dos usuarios da rede viaria provincial.
Os deputados do Grupo Popular tamén pedirán explicacións ao goberno de PSOE e BNG, agora baixo a presidencia de Carmela López, sobre as actuacións que ten previsto adoptar para dar cumprimento ao convenio de cooperación para a construción da residencia e centro de día da terceira idade no municipio de Folgoso de Courel, despois de que a súa vixencia expirase o pasado mes de decembro sen que o goberno provincial cumprise co seu compromiso mentres que o Concello si cumpriu coas súas obrigas.
Tamén preguntarán se o goberno provincial ten previsto estudar a modificación das bases das axudas de Cultura para que sexan máis claras e sinxelas de cara a intentar evitar a alta porcentaxe tanto de renuncias como de perda do dereito ao cobro das mesmas.