O PP pedirá no Pleno que a Deputación impulse a residencia de maiores de Cervantes

LugoXa
Cervantes acolleu unha xornada de interacción entre emprendedores da provincia de Lugo organizada pola Rede de polos de emprendemento
PP Proposta residencia maiores Cervantes (3)
21 sep 2023

O PP pedirá no Pleno que a Deputación impulse a residencia de maiores de Cervantes e estude ubicala na antiga escola fogar de San Román.

"É fundamental garantir o benestar de todas as persoas que formamos parte da sociedade pero, sobre todo, daquelas persoas que durante toda a súa vida contribuíron a garantir o benestar dos demais e que, agora, precisan de axuda para poder contar cunha boa calidade de vida, algo para o que é preciso proporcionarlles apoio social, físico e emocional", din os populares, "unhas necesidades que se cobren nos centros de atención ás persoas maiores (CAM), unha dotación que os veciños de Cervantes levan demasiados anos agardando pola desidia do propio concello e da Deputación de Lugo".

"Na campaña das municipais do 2015, PSOE e BNG xa prometían esta infraestrutura, e 4 anos despois, en véspera doutras eleccións, o 20 de maio de 2019, a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes formalizaban un convenio interadministrativo de cooperación para a execución dos fins comúns consistentes na construción do CAM neste municipio, que foi modificado posteriormente por dúas addendas", sinalan.

Segundo o acordado, o Concello de Cervantes comprometeuse a aportar 200.000 euros e poñer a disposición da Deputación de Lugo unha parcela, preferentemente en San Román, a capitalidade municipal, libre de cargas e gravames con licenzas urbanísticas e permisos sectoriais necesarios para a construción do centro residencial. O convenio está en vigor, logo da aprobación de dúas addendas, a última delas precisamente en vésperas das últimas eleccións municipais, despois de 8 anos de enganos, pero semella que os trámites por parte de Deputación e Concello de Cervantes non avanzan.

O voceiro popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, explica que debido a esta situación pedirán no pleno do martes que se inste a Deputación Provincial e ao Concello de Cervantes a impulsar de xeito decidido o Centro de Atención a Persoas Maiores neste municipio e, á vista de que aínda está pendente de decidir a localización para a súa construción, por elo dende o Grupo Provincial piden que se valore a posibilidade de empregar a antiga escola fogar como posible localización para esta dotación.

Esta infraestrutura, actualmente  en desuso, conta con tódolos servizos, incluído un espazo exterior, polo que tendo en conta a dispoñibilidade deste inmoble podería estudarse a posibilidade de adecualo para a construción do CAM do Concello de Cervantes e así poñerse en uso a antiga escola fogar evitando deixar abandonado outro inmoble máis.

Incluso, o Grupo Municipal Popular de Cervantes solicitou formalmente a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello para someter a debate dedicar este edificio para a residencia de maiores de forma que se “aproveiten unhas instalacións en desuso” que, situadas a carón do CPI, permitirían crear “un espazo de convivencia entre pequenos e maiores” con importantes beneficios sociais.

SOSTENIBILIDADE

“Trátase dunha magnífica oportunidade para poñer en uso as instalacións da antiga escola fogar porque, ademais, permitiría levar a cabo un proxecto moi importante para Cervantes, ademais nesta zona do municipio coincidirían os maiores e pequenos do pobo, por suposto en inmobles diferenciados, pero influenciados positivamente de forma recíproca pola presenza duns e doutros nun mesmo territorio, idea que inspira un modelo xa implantado en Galicia -coma en Ourense ou Arteixo- a través dos denominados centros interxeracionais”, destacou.

0.21988105773926