O PP pide a intervención municipal en edificios con risco inminente de desprendemento
O Partido Popular expón que "cómpre un plan de actuación por parte do Concello de Lugo para garantir a seguridade dos lucenses tras diferentes intervencións por desprendementos de lousas de tellados nalgúns edificios da cidade ou mesmo o derrubamento da cuberta dun edificio na Praza do Campo"
Explica Antonio Ameijide que "este problema non se centra unicamente nun punto da cidade, senón que se trata dunha realidade presente en todos os barrios, tal e como se puido ver na Milagrosa, onde os bombeiros tiveron que intervir para garantir a seguridade trala caída de lousas dun tellado dun edificio en Serra de Ancares, ou no Sagrado Corazón, onde os propios veciños e o PP levan meses denunciando o pésimo estado de varias vivendas, o que provocou xa varios desprendementos cara a rúa, poñendo en serio risco a integridade e a seguridade das persoas que pasan pola beirarrúa".
Outro exemplo que poñen sobre a mesa os populares é "unha vivenda do Carme. Unha das paredes desta casa cada día está máis inclinada, tendo serio risco de caer, o que pode provocar o derrubamento da edificación e poñendo en risco a integridade dos edificios adxacentes ademais das persoas e vehículos que pasan pola rúa".
Dendo o grupo popular din que "segundo os datos facilitados polo goberno local, en outubro de 2020, en todo o termo municipal había unhas 360 vivendas en mal estado, localizándose un tercio das mesmas, 120, no ámbito PEPRI, polo que urxen ao goberno local a poñer un marcha un plan para garantir a seguridade de todos os lucenses".
Desde o Grupo Municipal Popular realizaranse preguntas en comixión para "coñecer a evolución da situación destes edificios e tamén para ter coñecemento de cantos expedientes se corrixiron e se hai novos expedientes iniciados de edificios en mal estado".