O PP pide á Valedora do Pobo que investigue a situación na Escola Infantil Gregorio Sanz

O Partido Popular solicitou a intervención da Valedora do Pobo ante a grave situación que atravesa a Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz, dependente do Concello de Lugo, onde desde outubro de 2024 non se cubriu unha praza de técnico de educación infantil.
Segundo o PP, “a inacción do goberno local está a prexudicar tanto o servizo educativo como os dereitos laborais das traballadoras, que levan máis dun ano soportando unha carga de traballo excesiva pola falta de persoal”.
A vacante produciuse tras a adscrición definitiva dunha técnica a outro servizo municipal, “un feito coñecido e previsible polo Concello, pero diante do cal non se adoptou ningunha medida urxente nin se activaron mecanismos alternativos de cobertura”.
Para cumprir coas ratios legais, as aulas tiveron que agruparse, convertendo nunha práctica habitual algo que debería ser excepcional.
Os populares subliñan que “o Concello ten capacidade legal para actuar, pero o problema reside na falta de vontade e planificación. Non se pode falar de apoio á conciliación cando se desatienden servizos tan sensibles como o das escolas infantís”.
Por todo isto, o PP reclama que a Valedora do Pobo investigue se o Concello de Lugo carece da planificación e organización necesarias para evitar que se repitan situacións similares. Ademais, recordan que levan meses esixindo a cobertura inmediata desta vacante e a implantación de procedementos de planificación de recursos humanos que garantan a continuidade dos servizos públicos esenciais, especialmente os educativos e de seguridade.