O PP pide acceso ao convenio entre o Concello de Lugo e DH Eco Energías

LugoXa
O PP esixe acceso e transparencia no convenio asinado onte por Lara Méndez para producir enerxía térmica no Ceao.
22 Jun 2021

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anuncia que se pedirá acceso ao convenio asinado entre o goberno local e a empresa DH Eco Energías, un acordo segundo o cal implantarase no Ceao unha rede de distrito para o subministro de enerxía térmica.

O popular quere saber en que consistirá exactamente ese convenio de colaboración. “Queremos estudar os motivos polos que o goberno local decide apostar por este sistema mentres no mesmo polígono ten outro punto de produción de enerxías renovables (os paneis fotovoltaicos) totalmente abandonados e camiño do desguace”, indica.

Ameijide sinala que o anuncio "chegou por sorpresa para todos xa que ninguén no concello sabía nada e tampouco no tecido asociativo da cidade", polo que tamén "queremos saber como se chegou ata a empresa seleccionada e que participación se deu ás empresas da cidade e da provincia xa que na cidade hai empresas punteiras no sector das enerxías renovables".

Os populares piden ao goberno local moita cautela xa que non queren que este proxecto se converta noutro Garañón ou nunha nova Fábrica da Luz, porque "nos últimos 22 anos de gobernos socialistas xa vimos como proxectos que se realizaron dende o goberno local con total secretismo acabaron por xudicializarse, declararse ilegais ou por supoñer indemnizacións millonarias". “Por iso tamén preguntaremos se o Concello de Lugo vai a aportar algún tipo de terreo público, xa que se chegan a este extremo ten que existir un procedemento público aberto á participación”, finaliza.

0.10585594177246