O PP pide actuacións para mellorar a seguridade no Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo

O Partido Popular defenderá tanto na Deputación como no Concello de Lugo iniciativas destinadas a incrementar a seguridade nos tramos do Camiño de Santiago que discorren polo municipio e en distintos puntos da provincia. Os populares, que se reuniron con veciños do Burgo, alertan de que numerosos treitos carecen de espazos seguros para camiñar, o que expón a riscos tanto a veciños como a peregrinos que circulan a diario pola calzada.
A voceira municipal, Elena Candia, destacou que no concello existen lugares nos que urge actuar para garantir a convivencia entre vehículos e peóns. Entre os tramos máis críticos sinala a estrada LU-P-2901 no Burgo, estreita e sinuosa, onde o tráfico circula a altas velocidades sen espazos seguros; o cruzamento das estradas LU-P-2901 e LU-P-1611, con visibilidade limitada; e a LU-P-2917 en Gondar, con numerosas curvas e sen beiravías adecuadas. Para estas zonas proponse instalar redutores de velocidade, mellorar a sinalización e estudar a creación de sendas paralelas ou acondicionar cunetas pavimentadas para os camiñantes.
Candia subliña que o Xacobeo 2027 traerá un maior número de visitantes e peregrinos, polo que considera “necesario anticiparse e actuar xa para garantir unha convivencia segura entre vehículos, peregrinos e residentes”, ao tempo que confía en que PSOE e BNG apoien esta iniciativa.
A nivel provincial, o voceiro Antonio Ameijide sinala que tamén hai numerosos tramos perigosos fóra do municipio de Lugo nos que a Deputación debería actuar. Entre eles cita o Camiño Francés na LU-P-4001, na zona de Coto; o Camiño do Norte na LU-P-5702, preto da capela do Carme en Ribadeo, cun trazado curvo e sen beiravía; e o Camiño de Inverno na LU-P-1801 de Líncora a Chantada, onde considera necesarias melloras na sinalización, instalación de elementos redutores de velocidade ou alternativas para separar o tráfico rodado do peonil.
Ameijide lembra que o Camiño de Santiago é un atractivo turístico fundamental, que dinamiza a vida social, cultural e económica da provincia ao longo de todo o ano, especialmente en zonas rurais, e que protexer aos peregrinos é tamén a mellor forma de promover a súa beleza, seguridade e experiencias.