O PP pide ao BNG que aproveite as obras do Ceao para reforzar a seguridade contra incendios

O Partido Popular de Lugo solicitoulle ao BNG que utilice as obras de pavimentación das beirarrúas no polígono industrial do Ceao para mellorar a seguridade contra incendios da zona.
O proxecto, publicado este verán na plataforma de contratación, contempla actuacións en varios tramos das rúas da Industria, Agricultura e Factoría, mais os populares consideran que se trata dun simple lavado de cara cando sería o momento de apostar por unha intervención máis ambiciosa e transformadora.
A concelleira popular Mar Carballas destacou que estes traballos representan unha oportunidade perfecta para avanzar na seguridade contra incendios mediante a instalación de dispositivos hidráulicos conectados á rede de abastecemento, capaces de subministrar grandes cantidades de auga aos bombeiros e ao persoal de emerxencias en caso necesario.
Carballas lembrou que o Ceao é un polígono antigo, urbanizado nun momento no que non se contemplou a colocación destes elementos, e asegurou que os hidrantes actuais son insuficientes, o que dificulta a labor dos equipos de extinción.
Ademais, recordou que o Regulamento de Seguridade Contra Incendios nos Establecementos Industriais fixa criterios claros para o seu emprazamento e distribución, de maneira que sexan de fácil acceso e permitan abastecer con eficacia aos equipos. Cada hidrante debe cubrir unha área de arredor de corenta metros desde o punto onde se instale.
A edil popular incidiu en que aproveitar cada investimento público para dar resposta ás necesidades reais das empresas é a mellor forma de reforzar tanto a imaxe como a seguridade e a competitividade do tecido industrial lucense.