O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denuncia que, desde xaneiro, a Xunta de Galicia está esperando unha resposta por parte do Concello de Lugo para poder instalar a unidade móbil de control da calidade do aire na contorna da factoría de Tableros Hispanos, en San Xoán de Pena, e que ata o momento non ha recibido ningunha contestación.
Esta actuación está recollida nunha proposición non de lei presentada polo PP e aprobada no Parlamento Galego, pero que non contou co apoio do PSOE nin do BNG, que se abstiveron na votación. "Agora, desde o propio Concello, están a frear a súa execución ao non facilitar un emprazamento para a unidade móbil", explicou a concelleira popular e deputada autonómica Cristina Sánz.
Sánz criticou a postura do PSOE e do BNG, asegurando que "falan moito de ecoloxismo, pero cando hai que actuar, desaparecen ou poñen paus nas rodas". A concelleira insistiu en que "o que debería ser unha prioridade está paralizado por falta de vontade política", lamentando que esta cuestión tan importante para a saúde pública non se estea abordando con seriedade.
Desde o Grupo Popular solicitaron ao goberno local que reaccione de inmediato e facilite a localización necesaria para instalar a unidade móbil de control da calidade do aire. "Non pode ser que o Concello de Lugo sexa un obstáculo cando se trata de protexer a saúde dos nosos veciños e garantir un aire máis limpo para todos", concluíu Sánz.