O PP pide ao Concello de Lugo unha planificación clara para renovar os contadores de auga

O Grupo Municipal do Partido Popular mantivo un encontro con representantes de Alufonca, a asociación que reúne profesionais do sector da fontanaría, para explicarlles o rogo que levarán ao próximo Pleno sobre a renovación dos contadores de auga.
Ambas partes coincidiron na necesidade de aproveitar a prórroga aprobada polo Goberno central, que permite estender o prazo para substituír os dispositivos con máis de doce anos. A Orde ITU/1072/2025 amplía ata o 24 de outubro de 2027 o período para renovar ou verificar estes equipos, un marxe adicional de dous anos que, segundo o PP, o Concello debe empregar para planificar con criterio, modernizar a rede municipal e ofrecer certezas á veciñanza.
Co novo escenario normativo, o Partido Popular solicitará no Pleno que o Concello impulse a implantación de contadores dixitais, capaces de realizar lecturas en remoto, detectar fugas con antelación e mellorar a eficiencia na xestión. No caso de optar por dispositivos analóxicos, reclamará que sexan convertibles e que poidan adaptarse á lectura telemática no futuro. Os populares lembran que xa en setembro, antes de coñecer a prórroga estatal, demandaran un Pleno extraordinario ao rematar inicialmente o prazo de renovación en outubro de 2025. Nese debate, PSOE e BNG votaran en contra de aclarar que modelos debían instalar os lucenses e que axudas lles correspondían, o que —segundo o PP— xerou incerteza e dificultou un proceso de cumprimento obrigado.
Agora que existe máis tempo, os populares insisten en que debe empregarse con responsabilidade. Por iso, o rogo inclúe tamén a petición de habilitar bonificacións ou axudas económicas para apoiar ás familias que teñan que afrontar a substitución do contador.
Durante a reunión, Alufonca trasladou a súa preocupación pola ausencia de regulación profesional desde a desaparición en 2006 do carné oficial de fontanería, unha situación que, segundo explicaron, facilita o intrusismo e alimenta a economía mergullada. A raíz desta demanda, os senadores do PP comprometeron a levar ao Ministerio a proposta de recuperar unha acreditación profesional que devolva garantías ao sector.