O PP pide dotar de aseos, duchas e vestiarios ao anexo do Pazo dos Deportes
O PP insta ao goberno provincial a dotar de aseos, duchas e vestiarios ao pavillón anexo do Pazo dos Deportes, no que adestran e compiten centos de nenos e xoves lucenses .
Así, o deputado popular Óscar Poy sinala que "fomentar o deporte dende a infancia esixe dispoñer de instalacións coas infraestruturas necesarias. A Deputación de Lugo precisa traballar máis e con maior eficiencia en moitos aspectos da atención a esta parte da xestión. Un deses aspectos a mellorar o antes posible ten que ver coas condicións do pavillón anexo do Pazo dos Deportes, cuxas carencias é preciso solucionar canto antes, tal como reclaman moitos pais dos nenos que adestran nestas instalacións".
Poy explica “o pavillón anexo do Pazo do Deportes carece de aseos, duchas e vestiarios. Esta falta de servizos e ben coñecida polos xoves usuarios destas instalacións e tamén polos seus país, pero, cando se comenta con outros lucenses, alleos ao uso do pavillón, quedan tremendamente sorprendidos de que, a estas alturas do século XXI, se dea un caso así na capital da provincia”.
O mesmo deputado popular manifesta “os rapaces que adestran e compiten neste pavillón teñen que ducharse e cambiarse no propio Pazo dos Deportes, é dicir, noutro edificio; debido a elo, son moitos os que optan por marchar sen ducharse. Chegou o momento de poñer remedio a esta situación. Ao goberno provincial, e sinaladamente ao delegado de Deportes, Efrén Castro (BNG), tócalle buscar a maneira de resolver o problema; é unha cuestión que, de ser un xestor competente, xa tería solucionada”.