O PP pide explicacións polos orzamentos das obras da liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense

LugoXa | RibeiraSacraXa
El PP pide explicaciones al Gobierno por el presupuesto de las obras del corredor ferroviario Lugo-Monforte-Ourense.
28 Xan 2022

Os senadores lucenses do PP, Xosé Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manolo Varela e Juan Serrano, seguen de preto os anuncios do Goberno central en relación á modernización e mellora do corredor ferroviario entre Lugo, Monforte e Ourense. Así, detectaron que “10 meses despois de ter anunciado en Monforte un investimento de 546 millóns de euros e cando só falta por licitar a eliminación dos 36 pasos a nivel; o custe da aportación do Ministerio de Transportes para a contratación real das obras será de 302 millóns de euros”. Nese sentido, preguntarán ao Goberno central como explica esa diferenza de máis de 200 millóns de euros con respecto ao orzamento anunciado e a licitación real e se está realizando recortes a costa da seguridade e da modernización e mellora do corredor.

Concretamente, os populares explican que “en só 10 meses as adxudicacións nas obras da plataforma da liña, que inclúen o tratamento da infraestrutura e o túnel substitutivo do Oural, contan con baixas do 19% dado que se licitaron 152 millóns de euros, pero só se adxudicaron 77”. Os traballos relacionados coa vía sumarán 103M€ e adxudicáronse en 69 millóns de euros con baixas do 9% de media. A electrificación entre Monforte e Lugo coa subestación de Oural e a renovación da liña eléctrica entre Ourense e Monforte consumirán 53 millóns de euros dos que hai adxudicados 27, cunha baixada media dun 18%.

Os sistemas de control, mando e sinalización coas telecomunicacións necesitarán 48 millóns de euros que xa se adxudicaron completamente por 38, con baixas medias do 22%. E, finalmente, as obras, instalacións de protección física e seguridade da vía requiren 25 millóns de euros, dos que se adxudicaron 11, cunha baixa media do 38% sobre a cantidade inicialmente anunciada. Deste último apartado só falta licitar a eliminación dos anunciados 36 pasos a nivel.

Lugo, sen alta velocidade
Os senadores recordan que, con todo, “estas obras non conseguen transformar a liña en alta velocidade (máis de 250 km/h) nin en velocidade alta (apta para máis de 200 km/h); senón que se dirixen a adecuar a vía Lugo-Monforte-Ourense para que sexa segura e estea operativa o maior tempo posible”.

“O motivo polo que Lugo queda á marxe da alta velocidade ferroviaria é que o Ministerio de Transportes rexeitou modificar o trazado actual e eliminou as dúas variantes -que permitirían reducir a distancia uns 15 quilómetros e elevar as velocidades medias dos 75 km/h actuais aos 115 km/h- que permitirían reducir os tempos entre Lugo e Ourense á metade”, remarcan.

0.2194561958313