O PP pide garantir a seguridade dos peóns no centro de Lugo ante o incremento de caídas

O PP pide garantir a seguridade dos peóns no centro de Lugo ante o incremento de caídas. "Estas incidencias aumentaron significativamente a medida que avanzaba o ritmo das obras", explica Mar Carballas.
Das 13 caídas rexistradas en 2023, de marzo a decembro, "pasamos a 50 caídas nos primeiros 11 meses de 2024. Este incremento reflicte a falta de seguridade adecuada durante as obras e a improvisación que está a afectar aos peóns".
Pola súa parte, o tamén popular Ramón Cabarcos ve unha "incoherencia que Goberno local estea facendo obras de humanización sen a planificación adecuada, provocando inseguridade aos peóns", e advirte que “lonxe de ser algo puntual, perdurarán no tempo, xa que os pavimentos seguirán rompendo porque son máis fráxiles que os que había antes”.
Os populares tamén recalcaron os prexuízos que está a ocasionar ao comercio local o feito de que estean as rúas levantadas e a mobilidade limitada, especialmente en campañas como a de Nadal, a segunda que pasan nesta situación; polo que propoñen accións concretas para paliar esta situación e fomentar a actividade no comercio de proximidade.
Os populares tamén reflexionan sobre a contradición de realizar unha obras de peonalización do casco histórico de Lugo co obxectivo prioritario humanizar e favorecer a mobilidade dos peóns, "cando os feitos amosan o contrario: deterioro continuo das rúas, falta de mantemento e previsión e impacto económico e social".
DECLARACIÓNS DO GOBERNO LOCAL
O Goberno Local aclarou que segundo o rexistro da Policía Local, o número total de caídas de peóns no que levamos de ano é de 63 en toda a cidade. De todas elas, un total de 36 tiveron lugar no centro histórico, aínda que algunhas en rúas sen obras, como Praza Maior, rúa da Raíña, Praza Santa María ou rúa Anxo Fernández Gómez.
Ademais, outras caídas rexistráronse fóra do ámbito de obras e en datas nas que xa estaban rematados os traballos, tal e como aconteceu este mes de novembro na rúa Quiroga Ballesteros.
A raíz deste rexistro, a Policía Local si puido corroborar un descenso considerable do número de incidencias deste tipo no ámbito das obras desde o verán, cunha caída en agosto; outra en setembro; tres en outubro e unha en novembro, contabilizando os rexistros ata o pasado día 25.