O PP pide máis anticipación na programación ao facer o balance das festas de San Froilán
O concelleiro popular Javier Vázquez di que a climatoloxía foi a mellor das actuacións contratadas este San Froilán e afea “a improvisación e falta de transparencia dalgunhas contratacións”.
Dende o PP “dubidan da legalidade dalgunha operación realizada” en alusión a un contrato que se fixo in extremis para a montaxe dun escenario que se adxudicou a unha empresa das habituais que contrata a área de cultura do BNG deixando fóra a outros licitadores lucenses.
De feito afiman que hai outras irregulariedades detectadas como foron "a da maquetación, edición e impresión dos programas das festas que se fixeron cun contrato que se prorrogou fóra de prazo e que se pagou con reparos de legalidade".
Os populares “a nivel do traballo interno” piden una maior planificación na organización do San Froilán e propoñen varias medidas como pechar con máis anticipación o programa para publicitalo con tempo; que as contratacións dos concertos ou a elección de pregoeiros e oferentes queden pechados antes do mes de xuño; incorporar concertos de tirón nacional ou internacional e dar estabilidade á contratación das casetas para evitar que queden desertas como ocorreu este ano no que só houbo 3 das 4 previstas.
Vázquez concluíu que “ainda que o PP abandonou a comisión porque se nos consideraba como convidados de pedra e en vez de comisión era unha sumisión, seguiremos traballando con propostas en positivo para que este patrimonio inmaterial permaneza no tempo e que todos nos sintamos orgullosos”.