O PP pide melloras na sinalización das prazas para persoas con mobilidade reducida
Os populares explican que a maioría dos rogos e preguntas que se presentaron nas comisións que se desenvolveron esta mañá inciden en cuestións sinxelas que requiren de vontade política e que teñen doada solución. Entre elas, a necesidade de sinalizar e pintar as prazas que existen no casco urbano nas que a cor azul que as identifica é inexistente e están practicamente borradas.
Segundo a formación política, “a xustificación que pon o Goberno local de que agarda a que lle envíen imaxes dos puntos onde actuar para poñerse a traballar está fóra de lugar xa que o seu traballo é estar na rúa, anticiparse aos problemas e tomar medidas que redunden no beneficio da cidadanía”. O PP tamén anuncia que pedirá que se habiliten novas prazas para persoas con mobilidade reducida e, en concreto, solicitaron crear unha na rúa da Saúde na contorna da tenda de ortopedia.
Os populares lamentan que unha vez máis as promesas do Goberno local queden en anuncios. “Desta volta os veciñanza quedarase sen a prometida cobertura do parque infantil de Fonte dos Ranchos”, e que como “non hai diñeiro non se fará en 2024”. Para eles tamén resulta “surrealista” que ante da petición de que se limpe unha finca da Croa onde hai unha zona de xogos infantis se conteste que “hai un plan de limpeza para ir tres veces ao ano”.
Arranxo de pistas
Con respecto ao parque infantil da rúa Primavera solicitouse que se axilizase a súa limpeza xa que está no Camiño Primitivo en un acceso principal ao centro histórico. Tamén se confirman que se retirarán os colectores da rúa Barbeito no polígono das Gándaras en canto se cambien todos os recipientes. Con respecto ás peticións de arranxos de pistas no rural, aínda que o Goberno local admite que están en mal estado, “intentan minimizar a súa situación”. Un caso que preocupa aos populares é o estado da vía que comunica Calde con Amieiro e Fonte do Mouro porque “os autobuses urbanos non pasan nalgún tramo”.
Por último, conseguen o compromiso do Concello de facer o rameo do acceso a Novafrigsa no cruce da estrada de Coeses e Soñar. Por outra banda, pedirán acceso ao informe técnico valorando como resolver o problema de filtracións das ventás arqueolóxicas da rúa Doutor Castro que impide ver os mosaicos romanos que hai nestas vitrinas.