O PP pide o arranxo da LU-P-0504 ao seu paso por Baralla

LugoXa
Os populares sinalan que o mantemento das estradas provinciais segue a ser unha tarefa pendente para o goberno de José Tomé.
13 Maio 2024

Os populares sinalan que o mantemento das estradas provinciais segue a ser unha tarefa pendente para o goberno de José Tomé. Sosteñen que, independentemente do  municipio polo que discorren estas vías, coa excepción de Monforte, todas presentan eivas importantes por mor da falta de mantemento.

Neste caso, os deputados populares Antonio Ameijide e Jesús Núñez visitaron Baralla xunto ao alcalde do municipio, Miguel González e comprobaron as numerosas deficiencias que presentan as estradas de titularidade da Deputación neste municipio. Como noutras localidades, as fochancas son habituais, provocando riscos para os condutores que, engadido a que se trata de estradas que percorren por zonas de montaña “deberían de estar nun perfecto estado de mantemento”.

Dende o goberno provincial anunciaron o arranxo e mantemento de calidade na LU-P-0503, pero só para unha rehabilitación superficial con grava, segundo o anunciado por PSOE e BNG, demostrando así “un trato totalmente discriminatorio en comparación cos arranxos e melloras que adoitan facer nas estradas de concellos gobernados polos seu partidos”. Tras coñecer o anuncio do arranxo da estrada LU-P-0503 (Baralla-Pol-Vilaesteva), os populares tamén piden que se teña en conta a LU-P-0504 (Aranza-Vilar de Francos), tamén moi transitada xa que dá acceso a varias explotacións agrarias.

Indican os deputados populares que “o perigo” nas estradas provinciais é evidente e está aí a diario para os miles de condutores que empregan esta rede de estradas. “Unha situación á que chegamos pola desidia e falta de mantemento do goberno de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo”, denunciaron. Neste senso, recordan que “urxe unha preocupación real” pola garantir a seguridade nas estradas provinciais xa que “no caso de que algún día haxa que lamentar un accidente grave a responsabilidade será do presidente da Deputación, do PSOE e do BNG por tantos anos de abandono ao mantemento e a seguridade nas vías provinciais”.

0.19005298614502